O comité de Thenaisie convoca unha nova manifestación no Grove á espera de que a Xunta atenda as súas demandas

Persoal da conserveira grovense mobilizouse este xoves nun mitin de Feijóo en Cambados

O Grove -

O comité de empresa da conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo no Grove e Mos, convoca unha nova manifestación o domingo no Grove mentres agarda que a Xunta atenda as demandas que lle foron trasladadas este mércores na reunión coas directoras de Pesca e do Igape.

A representación sindical agarda que o Goberno galego se poña á fronte na busca dunha solución que garanta o mantemento da actividade industrial e de todos os postos de traballo. Mais esa solución pasa por desbloquear o proceso de venda da compañía ao inversor galego que puxo unha oferta real enriba da mesa que conta co aval do propio comité.

Por iso as traballadoras/es iniciaron unha campaña de mobilizacións, cuxas últimas acción se centran en presionar o presidente da Xunta para que tome cartas no asunto. O martes pasado levaron as súas reivindicacións a un acto político de Feijóo en Vigo, mentres que onte trasladáronse a un mitin que celebrou en Cambados. Nos dous casos intentaron sen éxito seren recibidos e busca dun compromiso.

Mais tamén están a convocar actos de protesta masivos, como a multitudinaria manifestación que tivo lugar no Grove o pasado domingo, cando máis de 4000 persoas da comarca do Salnés se botaron á rúa. Este domingo día 5 terá lugar outra nova manifestación, que arrincará do Concello do Grove ás 11:30 horas.

Xuntanza no Grove

Por outra banda, dende a representación do cadro de persoal anuncian que este luns manterán unha xuntanza co empresario galego interesado en adquirir a fábrica e co alcalde e cos grupos políticos con representación no Concello do Grove. A reunión terá lugar ás 17:00 horas, e unha hora despois comparecerán diante dos medios de comunicación para informar sobre o contido da xuntanza.

Finalmente, dende o comité de empresa, e ante as últimas insinuacións da dirección do grupo romanés propietario de Theneisie -Scandia Food-, queren deixar claro que nunca van avalar unha opción de compra da compañía que sexa ilegal. De feito, tanto o xuíz do Mercantil como as directoras de Pesca e do Igape foron consultadas a respecto da proposta do empresario galego interesado en adquirir a empresa e aclararon que se trata dunha opción perfectamente legal que se podería levar a cabo.

Dende a representación do cadro de persoal instan o grupo romanés Scandia Food a “deixar de enredar con cortinas de fume intentando desprestixiar” a oferta que avala o comité. “Se nos atopamos nesta situación é precisamente pola nefasta xestión da dirección do grupo, até o punto de que ao principio da pandemia chegou a enviarlles cartas aos principais clientes (Lidl, DIA, Carrefour, Corte Inglés) instándoos a buscar outros provedores ante a suposta dificultade para atopar materia prima, cando o sector estivo a traballar ao 200% nese período”.

Volver