O comité de TUSSA convoca unha protesta para forzar o reinicio das negociacións sobre o convenio

A concentración terá lugar diante da pasarela da estación intermodal de Santiago este luns ás 10:45 horas
Santiago - 02 Xul 2021

O comité de empresa de TUSSA, compañía municipal de transportes de Santiago, convoca unha protesta co obxectivo de forzar o reinicio das negociacións sobre o convenio colectivo, que levan máis dun ano paralizadas. A concentración terá lugar diante da pasarela da estación intermodal, na rúa do Hórreo, este luns día 5 de xullo ás 10:45 horas.

Dende a representación sindical sinalan que na empresa conviven tres convenios e situacións laborais moi diferentes: hai persoal ao que se lle aplica o de Aparcadoiros e Garaxes; a outro o de Oficinas e Despachos; e a outro o antigo de Setex Aparkisa. Ademais, existen múltiples acordos por colectivos.

Esta situación provoca moitas diferenzas canto a condicións laborais e salariais entre o persoal, polo que demandan que se unifique nunha única norma laboral. “Hai tres anos comezamos un camiño para equiparar as condicións e negociar un convenio de empresa que dera seguridade xurídica a todas as partes”, lembran.

A primeira parte fíxose, ao seu entender, satisfactoriamente no ano 2019, dando un primeiro paso para equiparar economicamente e a xornada laboral de todo o cadro de persoal. O seguinte era a negociación do convenio colectivo que rematara co resto de diferenzas. Esa negociación durou meses, e en febreiro de 2020 foi a última reunión, onde o acordo era completo en case todo o articulado e só había diferenzas en dous puntos. “Entendemos que eran perfectamente salvables facendo nós unha última proposta que rebaixaba as nosas pretensións. Pero xa nunca tivemos resposta”.

Subliñan que non foron esixentes con isto, entendendo que se daban unhas circunstancias especiais por mor da pandemia, mais consideran que “non é de recibo que, unha vez máis, as nosas alarmas teñan que saltar cando non vemos nos orzamentos de TUSSA a partida que contemple o custe do convenio, como estaba comprometido”.