O comité de TUSSA denuncia falta de diálogo e información da empresa e do Concello de Santiago

Demanda rematar a negociación do convenio colectivo e solución aos problemas no guindastre

Compostela -

O comité da empresa municipal TUSSA denuncia que a última reunión celebrada coa empresa foi o pasado mes de xullo de 2020 e que, desde esa data, houbo múltiples cuestións que afectan aos diferentes postos de traballo sen que a empresa dera ningunha información, negando así o dereito a consulta e participación do persoal.

Entre outras cuestións o comité lembra que se chegara case a un acordo para asinar o primeiro convenio colectivo de TUSSA en febreiro de 2020. Porén, asegura que desde aquela quedaron paralizadas as conversas e a empresa négase a sequera tratar o tema na xuntanza prevista para o próximo luns.

O comité considera ademais inaceptable que non se previra incluír nos orzamentos unha partida que contemplara o custo dese convenio e as subas salariais de 2020 e 2021.

Reorganización de servizos

Denuncia tamén que as traballadoras e traballadores están sabendo pola prensa que se pretenden acometer  cambios estruturais e organizativos que afectan as súas condicións de traballo que TUSSA estaría obrigada a informar con carácter previo, mais que non fixo.

En particular apuntan cuestións como o cambio de ubicación da estación de autobuses ou a posible restruturación do sistema de grúa.

Xunto a isto sinalan que no servizo de guindatres veñen solicitando unha solución aos problemas de seguridade e agresións que sofre o persoal. Neste sentido, e fronte as declaracións do concelleiro de tráfico e seguridade cidadá, Gonzalo Muíños, que ten manifestado en prensa que esa situación non se dá, lembran que hai exactamente un ano tiveron que manifestarse para denunciar que un compañeiro rematara no hospital por unha agresión na retirada dun vehículo. Engaden que estas situacións de tensión e agresións son unha constante no servizo.

Denuncian, canda isto, o emprego da grúa unicamente con fins recadatorios e as presións, ameazas e sancións que sofren para que se retiren aínda máis vehículos. Aseguran que estes problemas de seguridade fanse extensibles ao persoal da ORA e mesmo de algún aparcamento como o de Xoán XXIII sen que, até o momento, nin TUSSA nin o concello os teña tomado en consideración.

Por todas estas cuestións exixen que se adopten as medidas necesarias para que ir traballar non supoña poñer en risco a saúde e integridade de ninguén e a perda de poder adquisitivo.

Desde o comité estanse mantendo xuntanzas cos diferentes grupos municipais coa fin de informar da gravidade da situación e da falta de diálogo e comunicación por parte da empresa municipal  e anuncian medidas de presión e mobilizacións caso de non darse unha solución a estas demandas.

Volver