O comité de Unísono convoca unha xornada de folga ante os reiterados abusos por parte da empresa

O centro de chamadas con sede en Vigo quere obrigar o persoal a usar o seu móbil particular
Vigo - 23 Abr 2021

O comité de empresa de Unísono, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, convoca unha xornada de folga o vindeiro venres día 30 ante os reiterados abusos que está a cometer a dirección dende o inicio da pandemia. Ao paro de 24 horas está chamado tanto o persoal propio como o das ETT.

Dende o comité de Unísono, presidido pola CIG, denuncian a fixación de obxectivos de venda de produtos e produtividade “inasumíbeis e abusivos” e acusan a empresa de exercer presión sobre o persoal para acadalos, así como que ás traballadoras/es non se lles facilitan os medios necesarios para desenvolver o teletraballo nin se permite a comunicación da representación sindical co persoal que traballa dende as súas casas. Ao mesmo tempo, fan fincapé no incumprimento reiterado da desconexión dixital e no feito de que a compañía non abona os gastos asumidos polo persoal durante o traballo a distancia. 

O paro de 24 horas terá lugar este venres 30 de abril

Pero “a pinga que colmou o vaso” é o que está a acontecer co persoal que traballa na campaña de ING: “As empregadas/os son chantaxeadas/os e coaccionadas/os, a empresa xoga coa súa saúde e seguridade, pretendendo que utilicen os seus móbiles persoais para instalarse unha aplicación empresarial para poder traballar dende a casa”. E se o persoal de ING non accede, Unísono obrígao a volver ao traballo presencial, “importándolle pouco que o teletraballo fose implantado como unha medida sanitaria para conter a pandemia”.

Por iso censuran que a dirección estea a utilizar a continuidade do teletraballo “como moeda de cambio e ameaza” para lograr o seu obxectivo, “que non é outro que as traballadoras/es de Unísono poñan á súa disposición os medios persoais necesarios para desenvolver o traballo”. Ademais, advirten que o que hoxe está a acontecer na campaña de ING “pode pasar en calquera momento noutra das campañas de Unísono”.

Finalmente, lamentan que a empresa non queira chegar a ningún tipo de acordo a pesar das tentativas da parte social e consideran que xa é hora de que Unísono deixe de aproveitarse da situación de pandemia “para seguir a aumentar os seus beneficios”.