O comité de Unitono en Ourense convoca paros contra a deslocalización e a perda de 130 empregos

A compañía, que se encarga da atención ao cliente de Naturgy, trasladará este servizo a Reus

Ourense -

O comité de Unitono, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Ourense, vén de convocar paros de dúas horas os vindeiros días 8 e 10 de abril para rexeitar os plans de deslocalización que poñen en risco máis de 130 empregos. A empresa abriu unha plataforma en Reus que asumirá a atención ao cliente de Naturgy, servizo do que dende hai 10 anos se encarga o persoal galego -Unitono en Ourense e Teleperformance na Coruña- e que nos últimos tempos está a ser desviado tamén a centros de traballo de Xerez e Colombia.

Segundo denuncian dende a representación do cadro de persoal -4 delegadas/os da UGT, 3 da CIG e 2 de CCOO-, todos os movementos que está a facer a dirección de Unitono prodúcense nun contexto de “mentiras e absoluta falta de información”, até o punto de que foron as propias traballadoras/es as que confirmaron a apertura da plataforma de Reus -que a empresa negaba- ao comprobar a publicación de anuncios buscando persoal na localidade catalá. 

Dende o comité de empresa levamos anos reclamando que se busquen máis campañas para non depender dun único cliente, pero non nos fixeron caso

Lembran que a plataforma de Ourense, situada no Parque Tecnolóxico de Galiza, leva unha década encargándose da atención ao cliente de Natugy. “Ao principio comezamos como apoio á de Madrid, pero catro meses despois de que viñesen tres persoas a formarnos para que abrísemos nós pecharon a de alí”, explican. O feito de que na actualidade a dirección de Unitono se estea a comportar do mesmo xeito que daquela -xa enviou persoal galego a formar a Reus- fainos desconfiar dos plans da empresa.

“Non hai que esquecer que en Ourense chegamos a ser 262 traballadoras/es, e na actualidade somos xusto a metade; ademais, levamos anos reclamando que se busquen máis campañas para non depender dun só cliente, pero non nos fixeron caso e agora atopámonos nesta situación”, indican. Das 131 empregadas/os actuais, 107 son mulleres e 24 homes, e arredor do 93% ten contratos indefinidos.

A plataforma de Reus púxose en marcha -segundo a empresa por esixencia do cliente- con 162 traballadoras/es, “pero xa está a buscar 50 persoas máis para contratar, e nos anuncios piden coñecementos de inglés e de galego”. Isto fai que as sospeitas do peche de Unitono en Ourense non fagan máis que medrar, sobre todo tendo en conta que “está a desviar traballos a outras plataformas para xustificar o peche aquí”

Xuntanza coa dirección

Hoxe mesmo mantiveron o primeiro contacto con responsábeis da empresa mediante unha videoconferencia, “pero non serviu para nada porque se negan a comprometerse por escrito a non pechar a plataforma e a manter os empregos”, critica. Está previsto que o vindeiro martes día 9 se celebre unha nova xuntanza nas instalacións ourensás, pero esta vez xa de xeito presencial.

A reunión producirase un día despois da primeira das dúas xornadas de paros convocadas polo comité, que se desenvolverán de 12:00 a 13:00 horas e de 18:00 a 19:00 horas. Coincidindo cos paros levaranse a cabo concentracións ás portas da compañía. Dende a representación sindical agardan un seguimento masivo das mobilizacións, tendo en conta que máis do 90% do persoal xa amosou a súa disposición a participar nelas.

Volver