O comité de Universal Support convocada dúas xornadas de paros en rexeitamento ao traslado de 81 traballadoras/es

A empresa decidiu mover unha campaña do centro de traballo de Pocomaco ao de Bergondo
A Coruña - 14 Set 2021

O comité de Universal Support acordou convocar dúas xornadas de paros laborais e concentracións para dos días 20 e 23 de setembro en rexeitamento á decisión da empresa de mover parte da campaña que presta para Pull&Bear e trasladar a 81 persoas do centro de traballo de Pocomaco ao centro de Bergondo.

Os paros, que afectan a todo o persoal que presta servizo nesa campaña, desenvolveranse na quenda de mañá en horario de 10 a 12 horas e na quenda da tarde das 15 ás 17 horas. Ademais, o luns 20, coincidindo coa folga parcial, realizaranse concentracións ás 10:30 e ás 15:30 horas diante do centro de traballo que Universal Support ten en Pocomaco, mentres que o xoves 23 as protestas serán en Bergondo.

Un traslado innecesario e inxustificado

A sección sindical da CIG considera que este traslado é completamente innecesario xa que o centro de Pocomaco vai seguir aberto e dando servizo a outras campañas e que o persoal pode seguir operando en teletraballo como facía até agora. Neste senso, rexeitan por inxustificado o argumento esgrimido pola dirección a respecto da necesidade de ter a todo o persoal de estrutura xunto no mesmo lugar, "cando levamos ano e medio de teletraballo".

Pola contra, esta mudanza resulta terribelmente prexudicial a nivel económico para as traballadoras e traballadores da campaña xa que lles implica, no mellor dos casos, unha merma nos ingresos por ter que desprazarse a 20 quilómetros do actual centro de traballo, "e no peor dos casos, a imposibilidade de poder continuar traballando, xa que gran parte do persoal non dispón de medio de transporte propio para desprazarse". Pois hai que subliñar que o servizo de autobuses a Bergondo é moi deficiente e hai horarios de traballo da campaña que non están cubertos polo transporte público.

A empresa négase a aplicar compensacións

Ademais, Universal Support negou a posibilidade de aplicar calquera tipo de compensación para os traballadores e as traballadoras afectadas e non amosou vontade ningunha a este respecto. De feito, "a única proposta que trouxo a empresa foi unha vaga promesa de falar coa compañía de autobuses para pedirlles que aumentaran a frecuencia dos traxectos, e sendo como é esta unha pretensión histórica da asociación de empresarios do polígono sempre desatendida, parécenos directamente insultante".

Por todo isto, o comité acordou por unanimidade convocar estas dúas xornadas de mobilizacións e dende a sección sindical da CIG chaman a todo o persoal da campaña de Pull&Bear a secundar os paros e as concentracións "para que a empresa nos escoite, recúe na súa decisión e se respecten os nosos dereitos".