O comité de URBASER denuncia a falta de labores de prevención contra a covid en Compostela

O vindeiro día 29, ás 16:30 estarán na entrada do concello para falar cos grupos municipais e a prensa
Compostela - 22 Out 2020

O comité de empresa de URBASER vén de remitir un escrito aos grupos políticos do concello de Santiago para informar da situación na que se atopa o servizo e reclamar unha xuntanza urxente co concello para ter información sobre as condicións dos novos pregos do concurso e, sobre todo, das medidas que se recollen contra a covid-19, entendendo que a limpeza é unha das principais defensas contra o virus. Anuncia ademais que o vindeiro día 29 de outubro, ás 16:30 horas, estarán na entrada do concello por se algún grupo político o xornalistas queren ter información directa.

O comité de empresa de URBASER solicitou en diversas ocasións á concelleira responsable do servizo manter unha xuntanza para ter información das condicións do novo prego do concurso do servizo de limpeza e para facer aportacións que consideran útiles para a súa mellora, sobre todo en materia covid-19. Propostas que entenden que beneficiarían ás veciñas e veciños de Compostela, así como as persoas traballadoras da empresa.

Denuncian que levan intentando contactar tanto co alcalde como coa concelleira e que “por moito que esta última di que se reuniu con nós en dúas ocasións e que nos atende sempre que o precisamos, non é certo”. Fronte a isto o presidente do comité, Ricardo Méndez, asegura que “só se xuntou con nós unha vez, onde lle trasladamos as nosas inquedanzas e informamos dos servizos que a empresa non está a facer ou fai de maneira escasa, sen saber a día de hoxe se tomou en conta as nosas aportacións”.

Falta de medidas contra a covid

O comité de empresa manifesta a súa preocupación pola situación sanitaria que se está a dar no concello. Lembra que cando se decretou o estado de alarma, con toda a poboación confinada, empezáronse a realizar tarefas de desinfección que incluían lavado de papeleiras; de contedores; baldeo de beirarrúas; obriga de deixar os contedores coas tapas abertas ou contedores de quita e pon do casco monumental sempre colocados.

Alertan de que porén, a día de hoxe, con colexios, universidades ou negocios funcionando con total normalidade, non se fai ningún tipo de prevención contra a covid.

Por iso entenden que se deben escoitar as súas propostas e reiteran a solicitude dunha xuntanza urxente co concello  para iso.