O comité de URBASER reclama ao concello de Santiago a adopción de medidas ante o mal funcionamento do servizo

Denuncia a xestión da nova adxudicataria e advirte que, de seguir así, non descartan ir á folga
Compostela - 16 Feb 2023

O comité de empresa de Urbaser denuncia, máis unha vez, a mala xestión do servizo de Limpeza Viaria e Recollida de Lixo do Concello de Santiago. Lembra que van dez meses desde a adxudicación do novo contrato. Un período no que ten constatado que “o servizo vai a peor”.

O comité asegura que a empresa concesionaria segue sen cubrir as baixas dos compañeiros e compañeiras e que continúa sen se renovar a maquinaria. Isto implica que “son 40.000 as toneladas de lixo que pasaron por unha maquinaria máis que envellecida”, explica, e que “a empresa  está usando camións  doutras contratas que non cumpren coas medidas de seguridade”, denuncia.

Subcontratación con outras empresas

O comité denuncia ademais unha subcontratación do servizo “quita e pon”. Lembra que “xa se viña realizando coa nosa empresa Urbaser e agora acaba de subcontratalo a outra empresa empeorando as condicións das persoas traballadoras que prestan ese servizo”.

Por iso subliña que “non se poden subcontratar servizos dentro dun mesmo servizo buscando con iso o aumento dos beneficios empresariais a conta de empeorar as condicións do persoal”.

Xunto a isto, denuncia a organización dos novos servizos incumprindo o convenio. Neste sentido, explica que a concesionaria “pretende contratar persoal  a tempo parcial para realizar os servizos de domingos precarizando aínda máis as condicións do persoal”. Unha situación fronte a que afirma que a empresa “ten que contratar máis xente a xornada completa para poder atender eses traballos e así cubrir as baixas e libranzas dos compañeiros e compañeiras”.

Adopción de medidas por parte do concello

Diante desta situación, o comité pídelle ao concello de Santiago que tome as medidas oportunas para que se corrixa esta situación o antes posible. De non facelo advirten que se verán na obriga de iniciar mobilizacións nas vindeiras datas, tanto para denunciar publicamente o empeoramento do servizo, como as condicións laborais do persoal que traballa para este servizo e as novas subcontratacións realizadas pola empresa Urbaser. O comité non descarta mesmo ir á folga no mes de maio, se a situación persiste.