O comité de Vitrasa acorda suspender a folga indefinida co voto en contra da CIG

A representación do cadro de persoal solicitou a mediación do AGA
Vigo - 27 Dec 2021

A maioría do comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, acordou, co voto en contra da CIG, suspender a folga indefinida iniciada o pasado 13 de decembro para reclamar melloras laborais. A representación do cadro de persoal solicitou tamén de xeito oficial a mediación do AGA no conflito.

O comité da compañía viguesa de transportes decidiu este venres 24 suspender de xeito temporal a folga nunha votación na que non participaron todos/as os delegados/as e na que os representantes de CCOO (3) e USO (2) posicionáronse a favor da suspensión, mentres que unha delegada da UGT amosou a súa oposición e a outra abstívose. 

A abstención dunha delegada da UGT facilitou a suspensión da folga indefinida

Pola súa banda, os tres representantes da CIG votaron en contra de suspender a folga, mais a abstención facilitou a suspensión ao impedir o empate e que o voto de calidade do presidente do comité, da CIG, puidese decantar a decisión a favor de manter a convocatoria.

En canto a solicitar a intervención do AGA todos/as os delegados/as votaron a favor, a excepción dos dous da USO, que se posicionaron en contra. En consecuencia, a representación do cadro de persoal trasladoulle hoxe mesmo unha solicitude formal ao organismo de mediación e arbitraxe laboral.