O comité de Vitrasa acusa a dirección de non negociar o convenio mentres non acepte baixar os soldos

Persoal da concesionaria do transporte urbano mobilizouse hoxe no Concello de Vigo para reclamar unhas condicións dignas
Vigo - 20 Dec 2022

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, acusou hoxe á dirección de negarse a negociar un novo convenio colectivo até que o cadro de persoal non acepte unha baixada de soldos, unha vez que o xulgado botou abaixo a súa intención de inaplicar o actual convenio en materia salarial. Neste contexto, traballadores/as da compañía do grupo Avanza mobilizáronse hoxe diante do consistorio para reclamar unhas condicións de traballo dignas.

<<La empresa se reitera en que no existe ninguna materia que negociar en tanto no se reequilibre la situación económica o se acceda a negociar una bajada de salarios en los términos expuestos>>. Con esta cita textual dunha xuntanza entre Vitrasa e a representación dos traballadores/as o presidente do comité, Imanol Arnoso, da CIG, desmentiu as declaracións feitas pola dirección nos últimos días nas que aseguraba estar a traballar na negociación. “ A única pretensión da compañía é manter as súas contas a costa de reducir os soldos dos seus empregados/as, como así o demostra o intento fallido de inaplicación do convenio”.

Arnoso aproveitou a protesta de hoxe, que se prolongou de 10:00 a 11:00 horas, para atender os medios de comunicación e saír ao paso tamén das acusacións de Vitrasa ao seu persoal, ao que responsabiliza de querer prexudicar a cidadanía coa convocatoria dos paros parciais que está a desenvolver en defensa dos seus dereitos laborais. “Resulta canto menos curioso que veña agora con este conto, cando levan dous anos recortando liñas buscando unicamente unha maior rendibilidade económica, deixando a boa parte da poboación viguesa cun servizo de transporte pésimo”, censurou.

No que ten que ver coa situación económica, Arnoso explicou que o propio comité entendeu dende o primeiro momento que se trata dun contexto “complicado”, e que precisamente por iso “propuxemos darlle solución aos puntos do convenio que regulan a calidade do noso traballo, deixando a cuestión salarial para cando a situación económica fose máis favorábel”. Por iso lamenta que aínda así Vitrasa se negase a chegar a ningún tipo de acordo, “xa que a súa única pretensión foi unha negociación que implicase reducións de salarios”.

Preguntouse tamén “como quere Vitrasa que nos interese a súa supervivencia como empresa, cando leva máis de 50 anos operando en Vigo cuns resultados económicos magníficos e nunca se lembrou do seu persoal; pero agora que chegan as vacas fracas o único que lle preocupa é seguir mantendo as súas contas recortando salarios; como pretenden que queiramos que unha compañía así siga adiante?”.

Finalmente, cargou contra os responsábeis locais, personificando na figura do alcalde, a quen acusou de desentenderse do conflito a pesar de que se trata dunha concesión dun servizo municipal e de estar máis preocupado “polo espectáculo das luces” que polos problemas que padece a veciñanza de Vigo. “A ver se cando remate o Nadal ten un momento para atendernos”, ironizou.