O comité de Vitrasa amosa a súa disposición a negociar e lembra que é a dirección a que non convoca xuntanzas

Os paros parciais contra os incumprimentos da empresa están a ter un seguimento moi elevado
Vigo - 08 Out 2021

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, amosou hoxe a súa “total disposición” a negociar, pero lembra que é a dirección a que non convoca unha xuntanza “e quen mantivo unha postura intransixente dende o comezo das conversas para renovar o convenio”. Dende a representación sindical valoran moi positivamente o seguimento dos paros parciais indefinidos iniciados o luns para rexeitar o exceso de xornada e os incumprimentos laborais por parte da compañía.

Segundo sinala o comité, a última reunión sobre o convenio colectivo, que caducou no mes de xaneiro, tivo lugar o pasado 1 de setembro. “Dende entón produciuse algún contacto para abordar a convocatoria dos paros, pero dende o luns non volvemos ter noticias da empresa”. 

A empresa emitiu un comunicado pedíndolle ao comité que sente a negociar sen convocalo antes

Por iso cualifican de “sorprendente” que a dirección de Vitrasa faga público un comunicado reclamándolles que senten a negociar “sen antes convocarnos a unha reunión”.

Finalmente, valoran moi positivamente o seguimento dos paros parciais por parte do persoal de condución, “o que demostra o seu compromiso coas xustas reivindicacións para mellorar as condicións de traballo do conxunto dos traballadores/as da compañía”.