O comité de Vitrasa aposta por paros parciais para rexeitar a modificación das condicións de traballo

A convocatoria deberá ser ratificada en asemblea polo cadro de persoal
Vigo - 19 Nov 2020

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, rexistrou hoxe diante da Consellaría de Emprego a convocatoria de paros parciais durante 11 días do mes de decembro para rexeitar a decisión da compañía de modificar as condicións de traballo. A medida de presión deberá ser ratificada polo cadro de persoal na asemblea que terá lugar este sábado pola noite.

A oficialización da convocatoria levouse a cabo para cumprir os prazos legais que establece a lexislación laboral, pero os traballadores/as deberán decidir se finalmente se fai efectiva na asemblea que celebrarán este sábado nas instalacións da estrada de Camposancos a partir das 23:00 horas. 

Os paros terán lugar durante 11 días do vindeiro mes de decembro

A proposta do comité de empresa, presidido pola CIG, contempla paros parciais para os días 1, 3, 9, 11, 14, 16, 18, 21, 23, 28 e 30 de decembro en horario de 7:30 a 9:30, de 13:00 a 15:00 e de 19:00 a 21:00.

Deste xeito queren amosar a súa oposición á modificación substancial das condicións de traballo por parte da dirección, que está a converter xornadas continuas en partidas para cubrir os reforzos de liñas necesarios pola situación derivada da pandemia. Segundo denuncian, estes cambios unilaterais por parte de Vitrasa vulneran o artigo 8 do convenio colectivo.