O comité de Vitrasa denuncia que a empresa insiste en reducir os salarios do persoal a pesar do laudo arbitral en contra

Desenvolverá unha concentración diante da compañía este venres día 9 de 12:30 a 14:30 horas
Vigo - 07 Set 2022

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, denuncia que a dirección non renuncia á súa intención de inaplicar o convenio e baixar os salarios do persoal a pesar do “contundente” laudo arbitral na súa contra e do contencioso aberto co Goberno local para reclamarlle 14 millóns de euros pola redución de viaxeiros/as como consecuencia da pandemia. Ademais, a compañía pretende incrementar as horas de traballo anuais. Diante disto, a representación dos traballadores/as retomará as mobilizacións e este mesmo venres día 9 desenvolverá unha concentración diante das instalacións da empresa de 12:30 a 14:30 horas.

Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, lembran que tras coñecer o contido do laudo arbitral que lle impide a Vitrasa deixar de aplicar o convenio -e que paralizaba as negociacións do convenio, caducado desde finais do 2020- os traballadores/as solicitaron retomar as negociacións. Nunha primeira e única reunión a dirección da concesionaria informou que só negociarían un convenio á baixa e que non tiñan intención de volver a reunirse en tanto as súas pretensións non fosen atendidas. 

A empresa pretende tamén aumentar a xornada laboral 

Diante disto, a representación do cadro de persoal porá en marcha unha campaña de información entre os traballadores/as e convocará unha asemblea para decidir as medidas a adoptar diante da actitude da empresa. Ao mesmo tempo, insisten en que ter o convenio caducado implica que as subidas de IPC dos últimos anos non se aplicaron, “polo que a día de hoxe temos unha perda de poder adquisitivo de arredor dun 13%, resultante da conxelación salarial desde o ano 2020”. Se a isto se lle suma a intención da empresa de reducir salarios e aumentar a xornada a baixada de soldos elevaríase até o 50%. E todo nun contexto no que Vitrasa “xa se asegurou de conseguir unha subida no billete para este ano”.

Inacción do Concello

Desde o comité de empresa lamentan tamén a inacción do Concello de Vigo, “que prefire ver parados os autobuses antes de mediar no conflito, como fixeron outros Gobernos de localidades nas que as concesionarias do grupo Avanza -ao que pertence Vitrasa- tamén presentaban problemas (Ourense, Baix Llobregat, Ávila, etc). “A pesar do que diga o alcalde, o Concello ten que mediar no conflito; a Vitrasa regálalle cinco anos de concesión, permítelle reducir servizos, sóbelle o prezo do billete, probablemente teña que indemnizala con cantidades millonarias e permite que non só non negocie a renovación do convenio senón que anuncie unha baixada de soldos”, sinalan dende o comité.

Ao mesmo tempo, critican que Vigo teña un servizo esencial como é o transporte público entregado a unha empresa privada “que prioriza a rendibilidade á calidade do servizo”. Unha empresa que non só incumpre o prego de condicións do concurso (renovación de frota, servizos, etc), senón tamén as condicións laborais dos seus traballadores/as”. Polo que entenden que o Concello debera reformular a explotación da concesión e garantir un servizo de calidade para a cidadanía e unhas condicións dignas para os empregados/as.

Por todo isto, a representación sindical anuncia que desenvolverá unha concentración este venres día 9 na porta das instalacións de Vitrasa, na estrada de Camposancos, de 12:30 a 14:30 horas, mobilización que se enmarca na campaña de información aos traballadores/as. “Durante a protesta atenderemos os medios de comunicación para dar a coñecer esta problemática ao conxunto da cidadanía”, rematan.