O comité de Vitrasa iniciará unha campaña de protestas ante os incumprimentos da empresa e do Goberno local

Desenvolverá concentracións este venres no Concello e na compañía, na estrada de Camposancos
Vigo - 17 Xun 2020

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, vén de convocar unha campaña de mobilizacións para denunciar os incumprimentos da empresa e do Goberno local a respecto da colocación de baños e mamparas, da aplicación do ERTE e das tarxetas moedeiro, así como en cuestións relativas á contratación e seguridade e hixiene nos autobuses e no taller.

As protestas comezarán este venres 19 diante do Concello de 10:00 a 11:30 horas e continuarán ás portas da empresa, na estrada de Camposancos, de 12:30 a 14:00 horas. 

As concentracións terán lugar diante do Concello de 10:00 a 11:30 e ás portas da empresa de 12:30 a 14:00 

Dende a representación do cadro de persoal explican que a convocatoria prodúcese como consecuencia da falta de resposta da dirección da empresa e dos responsábeis municipais ás súas reiteradas demandas.

En concreto, ao Concello veñen solicitándolle dende hai tempo que non retire os baños hixiénicos instalados para o persoal de condución e que se aumenten nas liñas que non contan con este servizo nas cabeceiras.

Neste senso, emprazan o Goberno local a que manteña estes baños até que permita a instalación duns definitivos, “xa que pola contra volverémonos a atopar sen baños para poder facer as nosas necesidades”.

No que respecta ás tarxetas moedeiro, e ante a boa acollida que tivo esta iniciativa posta en marcha durante a pandemia do novo coronavirus, ínstano a facilitar a súa adquisición por parte de todos/as os viaxeiros/as, ampliando a súa venda a quioscos, estancos, puntos de chegada de viaxeiros/as, etc.

E no que ten que ver co ERTE, lembran que ao inicio do estado de alarma o alcalde comunicou que ía blindar o salario dos traballadores/as das concesionarias, “polo que nos gustaría saber se a millonaria indemnización que anunciou que tería que abonarlle a Vitrasa garantirá que o persoal de condución poida recuperar a importante perda salarial sufrida durante o ERTE”.

Todas estas demandas fóronlle trasladadas ao Concello polo comité en varias ocasións, sendo a última o pasado 29 de abril, sen que polo de agora os responsábeis municipais se teñan pronunciado ao respecto.

Demandas á empresa

Pola súa banda, á empresa solicítanlle a instalación da mamparas para protexer o persoal de condución e ás persoas viaxeiras de posíbeis ante a volta inminente da cobranza en efectivo, “xa que as que está a instalar a empresa na actualidade son inservíbeis para tal fin co único obxectivo de minimizar custos”. 

O comité reclama tamén unha solución á elevada eventualidade na contratación

A respecto do réxime de xornada, sinalan que debido á volta á normalidade e ao aumento de tráfico e viaxeiros/as os horarios dalgunhas liñas non teñen descanso real para os condutores/ as durante a súa xornada de traballo, polo que reclaman a adopción de medidas ao respecto.

Outra cuestión que pretenden solucionar coa empresa é a elevada eventualidade, tendo en conta que a pesar das últimas conversións de contratos temporais a indefinidos continúa habendo un número indeterminado de postos de traballo fixos cubertos por persoal eventual.

No que ten que ver coa seguridade e a hixiene nos autobuses denuncian que teñen detectado unha deficiente limpeza e desinfección dos vehículos, tanto no posto do condutor/a como no dos viaxeiros/as.

Ademais, pídenlle á empresa que mellore a calidade dos EPI que lles entrega ao persoal de taller, especialmente o calzado, e que proporcione as ferramentas e útiles necesarios para facilitar a realización de traballos en taller, “porque até o momento non os está a facilitar”.

Finalmente, censuran que os traballadores/as da quenda son obrigados/as a asumir responsabilidades e traballos que non corresponden coa súa categoría “e non se lles compensa axeitadamente”.