O comité de Vitrasa promoverá protestas ante os reiterados incumprimentos do convenio pola empresa

Denuncia que coa relaxación das restricións volven o estrés, a tensión e a ansiedade ao volante

Vigo - Vigo -

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, vén de anunciar que lle proporá ao cadro de persoal a convocatoria dunha serie de mobilizacións ante os reiterados incumprimentos do convenio colectivo por parte da empresa, en especial no que ten que ver co exceso de xornada, coa falta de descanso e cos atrasos salariais. Dende a representación sindical denuncian ademais que coa relaxación das restricións derivadas da pandemia volven os episodios de estrés, tensión e ansiedade ao volante.

O comité de Vitrasa, presidido pola CIG, lembra que aínda que a problemática derivada do exceso de xornada e da falta de descanso vén de lonxe, co estado de alarma xerado pola pandemia a situación relaxárase un pouco. “Con todo, volvemos atoparnos cun día a día que se complica cada vez máis a medida que se van retirando as medidas de restrición”. 

Os condutores/as enfróntanse a horarios imposíbeis de cumprir e a xornadas de até 10 horas seguidas

Neste senso, denuncia que os condutores/as enfróntanse de novo a horarios imposíbeis de cumprir, a xornadas interminábeis que chegan até 10 horas seguidas e á falta de descanso dentro da propia xornada. “Todo isto fainos mesmo a temer nalgúns casos pola integridade física dos traballadores/as, xa que os episodios de estrés, tensión e ansiedade ao volante están a incrementarse dunha maneira exponencial, chegando a cifras de baixas laborais que xamais contemplaramos”.

Inacción da dirección

Segundo sinala, a todo isto únese a inacción da nova dirección da empresa, “que unicamente se preocupa da conta de resultados e deixa en segundo plano o benestar do seu persoal e a calidade do servizo ofrecido á cidade de Vigo”.

Ao mesmo tempo, consideran que cuestións como a negociación do convenio colectivo -caducado hai máis de seis meses sen que haxa interese da empresa por negociar-, os incumprimentos das obrigacións laborais que se denuncian diante da Inspección de Traballo e seguen sen ter solución e os atrasos nas nóminas notificados polo comité de empresa ao Concello de Vigo “son claros exemplos de que a compañía actúa con total impunidade ante as súas obrigacións para cos traballadores/as e coa propia cidadanía de Vigo”.

Volver