O comité de Vitrasa reclama que se limite o aforo dos autobuses e desinfección tras cada quenda

Remitiulle escritos aos grupos políticos con representación no Concello de Vigo pedíndolles apoio
Vigo - 21 Abr 2020

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, reclama que se limite o aforo dos autobuses e que se limpe e desinfecte o posto de traballo despois de cada quenda. Onte remitiulle escritos a todos os grupos políticos con representación no Concello de Vigo explicando solicitándolles apoio ás súas demandas.

Dende a representación do persoal, indican que segundo a normativa de prevención do novo coronavirus “no transporte de pasaxeiros os vehículos deberá garantirse a máxima distancia entre as persoas usuarias, polo que non poderán ocuparse máis dun terzo dos asentos dispoñíbeis”. 

Consideran "inadmisible" que se reduzan os labores de limpeza cando é unha das medidas aconselladas para evitar contaxios

Neste senso, as últimas medidas feitas públicas polo Ministerio de Sanidade establecen que a distancia interpersoal será de dous metros, mentres que o aforo deberá cumprir con este requisito de distancia entre persoas.

Explican que Vitrasa asume esta distancia como a correcta, e sinala para a ocupación
máxima dos autobuses 1/3 da súa capacidade total. Mais a diferenza entre estes dous supostos é enorme, xa que mentres que a capacidade de asentos dun autobús de 12 metros é de 26 (o que suporía uns 9/10 pasaxeiros/as por vehículo), a capacidade total do vehículo é de 92 persoas (cifra que contempla Vitrasa para calcular a ocupación, que vén sendo dunhas 30 ou 35 persoas). “Este número de pasaxeiros/as é excesivo, xa que estamos a falar dun vehículo cunha superficie útil de carga duns 20 metros cadrados”.

Limpeza dos vehículos

No que respecta á limpeza e desinfección dos autobuses, o comité de empresa solicitara iniciar cada quenda dende cocheiras cun autobús limpo e desinfectado, “xa que ao reducir nun 50% o servizo hai autobuses dabondo e esta medida é perfectamente realizable”. Con todo, Vitrasa reduciu o servizo de limpeza diario e pretende que sexa o propio condutor/a o que, no cambio de quenda, realice a limpeza do posto de condución, “obrigándonos a realizar esta tarefa co propio líquido que usan para limpar as mans (auga osixenada) e un rolo de papel”.

Dende a representación dos traballadores/as entenden que a limpeza e desinfección non é labor do persoal de condución. “Os medios que nos dá a empresa non son os axeitados, e na maioría das ocasións o cambio de quenda realízase en metade do percorrido e con pasaxeiros/as dentro, polo que non nos parece nin o momento nin o lugar apropiados para realizar este labor”. Neste senso, consideran “inadmisible” que se reduzan os labores de limpeza cando é unha das principais medidas aconselladas para previr posibles contaxios.