O comité de Vitrasa valora o expediente aberto ao Concello por ocultar documentación do reequilibrio económico

Unha nova manifestación percorreu as rúas de Vigo o venres, cando se están a piques de cumprir 60 días de folga indefinida por un convenio digno
Vigo - 22 Xan 2024

O comité de empresa de Vitrasa considera moi positivo que a Valedora do Pobo veña de abrirlle un expediente ao Concello de Vigo por ocultar a documentación do reequilibrio económico á empresa xa que agarda que sirva para que o Goberno local facilite a información. Por outra banda, unha nova manifestación percorreu as rúas de Vigo o venres, cando se están a piques de cumprir 60 días de folga indefinida pàra reclamar un convenio digno.

Dende a representación do cadro de persoal da concesionaria do transporte urbano vigués entenden que a decisión da Valedora axuda a “desmontar as artimañas” utilizadas por Vitrasa e polo Concello de Vigo para ocultar a futura indemnización que previsiblemente recibirá a empresa polo descenso de viaxeiros/as durante a pandemia.

Ao mesmo tempo, censuran que a compañía asegure estar preocupada pola recuperación de viaxeiros/as “pero non actúa en consecuencia, xa que fai todo o contrario ao suprimir frecuencias horarias coa complicidade do alcalde”.

Ademais, denuncian que a dirección de Vitrasa leva poñendo escusas desde o inicio das negociacións,” demostrando que non ten ningún interese en desbloquear o conflito que a súa rendibilidade aumenta transportando miles de persoas con menos autobuses”.

Un conflito que se intensificou nos últimos meses coa convocatoria dunha folga indefinida que está a piques de cumprir 60 xornadas e con mobilizacións diarias durante toda a semana que rematan cunha gran manifestación os venres. Na última, que unha vez máis completou a distancia entre a Praza dos Cabalos e o cruce de Colón, participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Hoxe mesmo continuaron as protestas cunha marcha a pé dende a rúa Buenos Aires, pasando por Sanjurjo Badía e García Barbón até o cruce de Colón. Para mañá está prevista outra con saída da Laxe ás 8:00 horas, que transcorrerá por Beiramar e rúa Coruña até Praza América.

A do mércores sairá ás 8:00 horas da rotonda de Jenaro de la Fuente con Travesía de Vigo, pasando por Choróns, Pizarro e Venezuela, e rematando diante do Concello, onde o persoal permanecerá concentrado até as 12:00 horas. Ao día seguinte a marcha partirá ás 8:00 dende Praza América, por Gran Vía, Praza dos Cabalos, Gran Vía e Praza América. Xa o venres terá lugar unha nova manifestación dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas que rematará de novo no cruce de Colón.