O comité de XEAL condena a agresión ao presidente do órgano e adoptará todas as medidas para esixir responsabilidades

O compañeiro Alfonso tivo que acudir a urxencias polas lesións sufridas
Cee - 20 Dec 2021

Os membros do comité de empresa de XEAL queren manifestar a súa total repulsa á agresión sufrida polo presidente do órgano de representación do persoal, durante a noite do pasado sábado. O comité traslada toda a solidariedade ao compañeiro Alfonso Mouzo e á súa familia, condena enerxicamente estes feitos e adianta que adoptará todas as medidas sindicais e xudiciais que sexan necesarias para que se depuren responsabilidades, porque este tipo de actuacións violentas non poden quedar impunes.

O compañeiro Alfonso foi brutalmente atacado na noite do sábado por varias persoas que teñen relación coa empresa (de carácter contractual, por parentesco familiar e incluso algunha delas con responsabilidades directivas). A causa da malleira que lle propinaron tivo que acudir a urxencias con contusións por todo o corpo e varias lesións, que precisarán de intervención cirúrxica.

Para o comité este suceso intolerábel, ao máis puro estilo mafioso, é resultado do clima de crispación que a empresa está xerando entre o cadro de persoal no marco do actual conflito polo convenio colectivo. Convenio que, cómpre lembrar, XEAL deu por caducado, polo que xa anunciou que deixará de aplicar dereitos sociais que os traballadores e as traballadoras en activo e o persoal pasivo tiñan recoñecidos dende hai décadas.

Os traballadores e traballadoras do complexo industrial e enerxético da Costa da Morte levan moitos anos desenvolvendo unha loita exemplar na defensa dos empregos e o mantemento da actividade produtiva. Por iso, o comité non vai consentir que se pretenda acalar a lexítima resposta social e impedir a acción sindical mediante comportamentos antidemocráticos e matonís como os vividos esta fin de semana.

E por esta razón, "ademais de apoiar as accións que leve adiante o compañeiro (que hoxe presentou denuncia na Garda Civil polos feitos), tamén lle esixiremos á empresa que se posicione de maneira inequívoca e abra a correspondente investigación interna para depurar responsabilidades".

Concentración na fábrica este mércores

Por outro lado, informar que o comité ten convocada unha nova concentración para este mércores, día 22 de decembro, ás 17:15 horas, na fábrica de Brens (Cee), "polo mantemento do convenio colectivo de empresa e na defensa dos dereitos conquistados polo persoal, así como para rexeitar calquera tipo de agresión as nosas compañeiras e compañeiros".