• Nova

O comité de XEAL denuncia na vía penal a operación de compra-venda para salvagardar os interese do persoal e o futuro industrial

Ante a pasividade da Xunta para requirirlle á empresa que cumpra coas cláusulas das concesións
Cee - 01 Xun 2022

O comité de XEAL vén de presentar denuncia penal contra a directora Augas de Galiza, o conselleiro delegado do Grupo Ferroatlántica, os administradores de Ithaka Partners e o apoderado de XEAL por posíbeis delitos de prevaricación por omisión, delito de prevaricación polo ditado dunha resolución inxusta e por un delito contra os traballadores.

O comité acordou iniciar esta vía ante a pasividade reiterada da Xunta de Galiza para requirirlle á empresa que cumpra coas cláusulas esenciais das concesións hidroeléctricas e as diferentes sentenzas xudiciais que avalan a vinculación das actividades enerxética e de produción de ferroaliaxes.

A representación do persoal advirte que esta falta de dilixencia do Goberno galego provoca que a emprese se sinta cada vez máis impune para avanzar no proceso de desmantelamento das fábricas e na destrución de postos de traballo, pondo en risco a viabilidade das plantas de Cee e Dumbría. "Vémonos na obriga de ter que denunciar penalmente a operación de compra-venda para salvagardar os intereses dos traballadores e traballadoras presentes, dos que poidan entrar no futuro, do colectivo de persoal pasivo, e garantir o futuro industrial da comarca", aseveran.

Na denuncia solicítase do xulgado de instrución que abra as dilixencias de investigación oportunas para esclarecer a legalidade do operación de compra-venda argallada entre Ferroatlántica e o fondo Sixth Street Partners, así como das resolucións emitidas polo ente público Augas de Galiza a este respecto, posto que é o órgano competente para velar polo respecto ás cláusulas e decretar o rescate das concesións en caso de incumprimento.

Por iso, na denuncia pídese que, ademais dos expedientes de Augas de Galiza, se lle requira a actual concesionaria “Xallas Electricidad y Aleaciones, SL” que achegue a escritura de compravenda do 100% do capital social da anterior concesionaria, así como os documentos relativos ás operacións que forman parte da compravenda, nomeadamente, o acordo a longo prazo polo que as fábricas de Cee e Dumbría continuarán sendo provedoras en exclusiva de Ferroglobe.

A operación, unha fraude

O comité advertiu dende o primeiro momento que a operación materializada en agosto de 2019 constituía unha fraude cuxo único obxectivo era segregar de maneira encuberta a produción de ferroaliaxes da xeración eléctrica, sendo esta a única actividade na que ten interese real o fondo de investimentos debido aos elevados beneficios que reporta. De feito, subliñan, FerroGlobe segue a dirixir as fábricas, xa que é o grupo de Villar Mir quen subministra as principais materias primas e quen compra en exclusiva toda a produción de Cee e Dumbría.

Que FerroGlobe controla as fábricas resulta tan obvio, que o grupo corre con todos os gastos, incluídas as nóminas do persoal; mentres  que a dirección actual "o único que xestiona son as centrais hidroeléctricas, incumpríndose así as cláusulas concesionais".

A representación dos traballadores e traballadoras reclama unha actuación contundente por parte da Xunta de Galiza que reverta o desmantelamento da actividade industrial e a perda continuada de postos de traballo (xa van 30 directos, 80 eventuais, e ducias de empregos nas empresas auxiliares da comarca) iniciada en 2019. Mais tamén para garantir os dereitos laborais e salariais do persoal que XEAL pretende suprimir dando por decaído o convenio colectivo e cesar na política represiva da empresa, que se materializa en despedimentos inxustos e arbitrarios.