O comité de Xeal denuncia un novo intento de segregación encuberto das actividades
O comité de empresa de Xeal denuncia un novo intento de segregación encuberto das actividades, ademais dos reiterados incumprimentos concesionais da empresa, que están a provocar o desmantelamento progresivo das fábricas e o recorte drástico da produción e dos postos de traballo.
Lembra que esta empresa explota recursos naturais de Galiza e da Costa da Morte, beneficiándose de concesións públicas supeditadas ao mantemento e xeración de postos de traballo, así como da declaración de utilidade pública para a expropiación de terreos (de maneira forzosa) para a construción das centrais hidroeléctricas.
Subliña que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única e que “é unha obriga legal”. Denuncia que, porén, despois dos fallidos intentos de segregación das actividades por parte de Ferroatlántica, non autorizadas e ratificadas polo TSXG, “asistimos a un novo intento de segregación encuberto das actividades coa venda entre o grupo Ferroatlántica e o fondo americano Sixth Street Partners e Ithaka e o consentimento ou silencio da Xunta de Galiza (Augas) que este comité viuse na obriga de demandar por vía Penal”.
Perda de emprego e empeoramento das condicións laborais
Desde esta venda, en agosto do 2019 e coa constitución da nova sociedade XEAL, o comité afirma que “a realidade é que a empresa nunca presentou un plan de viabilidade e, pola contra, a situación nas fábricas é de desmantelamento progresivo, cun recorte drástico da produción -a día de hoxe só hai un forno en marcha en cada fábrica Cee e Dumbría-, dos postos de traballo, cunha perda de máis de 30 postos fixos e aproximadamente 80 eventuais e a práctica desaparición de industria auxiliar”.
A empresa ademais está atacando as condicións laborais nestes centros de traballo. “Condicións conquistadas historicamente polos traballadores e traballadoras debido as duras condicións e uns dereitos adquiridos que a empresa pretende arrebatar, non recoñecendo do convenio colectivo propio”, tamén recorrido polo comité, que consideran que “é de xustiza social pola espoliación dos nosos recursos naturais.”
A pesar desta situación XEAL pretende agora aumentar a produción eléctrica a través de dúas novas explotacións hidroléctricas, unha xa solicitada para o aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Sta. Uxía, á que o comité de empresa xa presentou alegacións exixindo que se cumpran coas cláusulas concesionais e outra o proxecto de estación reversíbel de bombeo que a empresa pretende construír no monte da Ruña no Concello de Mazaricos.
Plan de viabilidade
O comité entende que Augas de Galiza debe exixir á empresa un plan de viabilidade que contemple un incremento do emprego no complexo enerxético industrial, na mesma proporción que o aumento do caudal de auga solicitado para subir a produción de electricidade e deste xeito dar debido cumprimento á cláusula esencial das concesións, que vincula a produción de enerxía á produción de ferroalixes nas fábricas de Cee e Dumbría.
Acusa a XEAL de pretender ampliar “para sacar maior tallada do negocio eléctrico”, nun momento ademais no que os prezos da enerxía están desbocados, sen contrapartida algunha e o peor, nun proceso de desmantelamento da actividade industrial e emprego. “Non hai que esquecer que o dereito de explotación das centrais da Costa da Morte ten unha condición esencial -e única no contexto dos aproveitamentos hidráulicos en Galiza-, que é a súa vinculación co mantemento do emprego nas fábricas de Cee e Dumbría”, apunta.
A pesar das pretensións da empresa de deixala sen efecto, cláusula que foi confirmada en dúas ocasións polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, en sentenzas do 5 de novembro de 2020 e do 9 de maio de 1996, polo que resulta conforme a dereito, ten carácter esencial e persegue un fin lexítimo de interese público.
Por iso, o comité considera que, antes de autorizar o incremento do caudal e/ou un novo proxecto hidroeléctrico, a Xunta debe comprobar que XEAL está cumprindo a cláusula nos termos en que é interpretada polo TSXG, é dicir, “debe comprobar que, cando menos, o número de persoas empregadas nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais non é inferior ao existente no momento de outorgamento da renovación da concesión de aproveitamento do encoro de Santa Uxía”.
Ao seu ver, non se podería entender que a Xunta, que leva anos ignorando as demandas do comité para intervir ante os ataques da empresa ao emprego e ás condicións laborais, así como as recentes peticións de reunións, “lle consinta agora a XEAL seguir engordando os seus beneficios a conta do prezo da luz, mentres destrúe postos de traballo, recorta a produción e leva as fábricas á ruína”.
Calquera autorización condicionada ao cumprimento da legalidade vixente
Por iso demanda das Administración Públicas e da Empresa que calquera autorización administrativa para novos aproveitamentos hidráulicos para a produción de electricidade (aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña) deberá estar condicionado ao cumprimento da lexislación aplicable en vigor (incluída a medioambiental), ao cumprimento e acatamento pola Empresa das cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados recentemente pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020.
Exixe ademais que a empresa presente un Plano Industrial e de Viabilidade das fábricas, tendo en conta que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única, así como o restabelecemento e fixación dun número mínimo de cadro de persoal en relación o nivel de emprego existente no ano 2019, e da aplicación do convenio colectivo de Xeal Cee Dumbría Centrais Hidroeléctricas actualizado.
Isto xunto coa apertura dunha negociación entre todas as partes afectadas: Xunta de Galicia, Empresa, Concello de Mazaricos e Comité de Empresa a fin de darlle aprobación ao sinalado no apartado anterior.