O comité de XEAL e a CIG exixen responsabilidades políticas pola perda do Práctico da ría de Corcubión

Alertan das graves consecuencias que terá para a industria da Costa da Morte
Cee - 02 Dec 2022

Representantes de XEAL e da Unión Local da CIG de Cee compareceron esta mañá ás portas do Parlamento de Galiza, para exixir responsabilidades políticas polo desleixo político intencionada da Xunta de Galiza por deixar sen efecto o servizo de practicaxe na ría de Corcubión e na Costa da Morte, que afecta tamén aos portos de Corme e de Laxe. Demandaron ademais un pronunciamento político conxunto de alcaldes e alcaldesas contra esta decisión.

Segundo lembrou Xabier Santos, secretario da Unión Local da CIG de Cee, o sindicato nacionalista viña denunciando esta situación desde o pasado mes de maio, porque “sabiamos que o actual Práctico se ía xubilar nestas datas e, polo tanto, a única persoa que estaba habilitada para o servizo e que tiña que estar durante seis meses de Práctico era, polo tanto, a única que se podía presentar a esa concesión do novo Práctico”.

Sinalou que a Xunta o que fixo foi recortar no 50% as prestacións que se concedían para este servizo e denunciou que “sabía perfectamente que con esa contía económica non se podía prestar o servizo”, mais que, malia isto, “non fixo absolutamente nada durante eses meses para intentar negociar coa única persoa habilitada que se podía presentar”.

Intencionalidade e irresponsabilidade

Por iso denunciou a “irresponsabilidade e a intencionalidade” dunha decisión que vai ter, ademais, consecuencias moi negativas na seguridade marítima. Nese sentido asegurou que “non se entende como, 20 anos despois do accidente do Prestige, se pon máis en perigo a ría do que estaba, porque xa non se adoptaron ningún tipo de medidas durante estes anos e agora, a única que quedaba para que, no caso dun accidente, no caso de que algún gaseiro teña algún tipo de emerxencia, se poida refuxiar na propia ría a través do fondeo, sen este servizo tampouco se podería levar a cabo”.

Santos denunciou tamén as consecuencias que vai ter ten para unha empresa como Xeal, que depende desa infraestrutura do porto de Brens para poder operar. “A estiba e desestiba que se fai das materias primas, tanto para abastecer a fábrica como para posteriormente vendelas necesita desa infraestrutura. Así se fixo fai xa uns cantos anos cando se apostou por poñer en valor esta infraestrutura”.

Por iso fixo un chamamento a toda a comarca e aos alcaldes, e alcaldesas para que fagan “un pronunciamento público claro contra esta decisión da Xunta que tanto ataca a Costa da Morte, sobre todo o seu tecido industrial, para o que é un golpe máis, definitivo, para deixar a industria na comarca sen efecto”.

Crítica situación para XEAL

Pola súa banda Alfonso Mouzo, presidente do comité de empresa de XEAL lembrou que desde que chegaron os novos propietarios, en agosto de 2019, a dirección de empresa está desmantelando a actividade produtiva. “Tiñamos 5 fornos en marcha e agora temos escasamente 1 e á mínima potencia en cada fábrica, na de Cee e na de Dumbría. Levamos, desde que chegaron estes señores, máis de 30 postos de traballo fixos directos eliminados e uns 80 eventuais, a empresa auxiliar toda desmantelada”.

Segundo explicou, deixar agora sen Práctico a ría de Corcubión é “a guinda do pastel, coa colaboración explícita da Xunta de Galiza”, porque vai provocar que aumenten os custos moi significativamente, porque tería que vir toda a materia prima imprescindible para fabricar os ferroaliaxes por estrada e todo o produto acabado tería que saír tamén por estrada. “Hai 10 anos que se fixo o porto de Brens e estamos moito peor que daquela, que non tiñamos o porto, pero tiñamos Práctico”.

Mouzo explicou que a distribución a toda a clientela de XEAL é por vía marítima, agás á Siderúrxica Balboa, en Portugal, que é por estrada. “O cliente que temos en España máis preto en España, Acerinox, está en Alxeciras, pero ao non ter Práctico non pode atracar ningún buque no Porto de Brens e quedamos en peor situación”. Por iso concluíu asegurando que “non podemos consentir que sexa a propia Xunta cómplice destes feitos”.