O comité de XEAL esixe a posta en marcha inmediata dos fornos e a recuperación do emprego destruído

Reclaman á Xunta que declare a nulidade da operación de venda entre FerroAltántica e Ithaka

Cee -

O comité de XEAL denuncia a situación de abandono industrial e a destrución de emprego que se está a producir nas fábricas de Cee, Dumbría e nas Centrais Hidroeléctricas dende a fraudulenta operación de compra venda entre FerroAtlántica e o fondo TPG-Ithaka, ao que agora se suma o proceso de despedimentos disciplinarios iniciados pola dirección.

Ante este deterioro, o comité reclama o apoio das distintas institucións (Concellos, Deputación, Parlamento Galego) ás reivindicacións en defensa dun futuro industrial para a comarca e á Xunta de Galiza que recoñeza nulidade da operación de venda por non terse solicitado autorización administrativa previa.

O comité de empresa vén denunciando desde xuño de 2019 a operación fraudulenta de cambio titularidade de FerroAtlántica, "xa que na práctica as plantas de Cee e Dumbría funcionan como unha  "maquila" de Ferroglobe sendo este grupo o provedor exclusivo e o comprador único de toda a produción". Unha situación que constitúe unha segregación encuberta das actividades e, polo tanto, contraria ás condicións esenciais establecidas nas concesións para a explotación dos aproveitamentos hidráulicos.

A este respecto, lembran que nin FerroAtlántica, nin sobre todo o fondo americano comprador TPG (xestionado por Íthaka) "adquiriron ningún compromiso por escrito do futuro funcionamento deste centro de traballo, nin fixeron entrega ao comité do contrato de compra-venda", malia así llo  ter solicitado en reiteradas ocasións.

O Supremo denega o recurso da empresa

Agora, advirten, "o tempo danos a razón xa que desde o proceso de cambio de titularidade se está a poñer en perigo a viabilidade das fábricas e o mantemento dos postos de traballo, requisito recollido no titulo concesional e en distintas sentenzas xudiciais".

De feito, hoxe mesmo fíxose público polo Tribunal Supremo a denegación do recurso presentado no seu día por FerroAtlántica e continuado por XEAL contra a resolución de 2017 que impide a segregación das actividades e a obriga a manter os postos de traballo e garantir a viabilidade das fábricas.

Abandono das fábricas

Denuncian a situación de abandono industrial desde a chegada ás fábricas de Cee e Dumbría do fondo de investimento lthaka, "ao estar reducida a actividade dos fornos á mínima, e a caída do emprego en 30 postos de traballo no cadro de persoal, en 80 no emprego eventual anual, así como nas empresas auxiliares". Para máis gravidade, engaden, a dirección da empresa comezou un proceso de despedimentos disciplinarios.

Por iso, aseveran que "a Xunta non pode seguir mirando para outro lado e seguir sendo cómplice destas actuacións da empresa que están levando á ruína as nosas fábricas e, por extensión, a toda a comarca". Lembran que o Goberno galego ten competencias, tanto en materia industrial como sobre as concesións das centrais, "e ten que exercelas, facendo valer a resolución do Supremo. E iso significa defender a viabilidade das factorías e a continuidade dos empregos, e non facilitarlle a XEAL poder levar adiante os seu plans de segregación de actividades".

Ante esta situación, o comité reclama:

- A inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura de todos postos de traballo destruídos no cadro de persoal, no emprego eventual e nas auxiliares desde xullo de 2019. Así mesmo, a inmediata readmisión do último traballador despedido.

- O apoio por parte das institucións ás reivindicacións e accións legais e xudiciais postas en marcha polo comité na reclamación ante a Xunta de Galiza e ante os tribunais para que se recoñeza a nulidade da operación de venta realizada polo Grupo FerroAtlántica (FerroGlobe) a lthaka por non terse requirido autorización administrativa previa como no ano 1992.

Proseguen as mobilizacións

Ademais, este venres, os traballadores e as traballadoras iniciaron un novo calendario mobilizacións, cunha concentración na porta da fábrica de Brens, que terá continuidade os venres de todas as semanas.

Volver