O comité de XEAL reclama a intervención inmediata da Xunta ante o deterioro laboral e produtivo

Así llo tasladaron na xuntanza coa conselleira de Emprego
Cee - 15 Out 2021

O comité de XEAL trasladoulle á conselleira de Emprego, María Xesús Lorenzana, e á directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, a necesidade de que a Xunta de Galiza interveña de inmediato ante a deriva laboral e produtiva das fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría e os manifestos incumprimentos das cláusulas concesionais dos aproveitamentos hidráulicos. Así llo trasladaron na reunión mantida na tarde do xoves, na que tamén reclamaron que se recoñeza a nulidade da operación de venda entre Ferroatlántica e TPG-Ithaka.

Esta xuntanza é continuación da mantida hai xa un ano co conselleiro de Industria, Francisco Conde, en base ao compromiso adquirido pola administración de manter información fluída co comité, mais en todo este tempo “a Xunta non só non actuou, senón que a situación nas fábricas segue empeorando”. Os/as representantes dos traballadores/as lembran que dende que a dirección de XEAL se fixo cargo do complexo industrial e enerxético a produción dos fornos foise recortando de maneira progresiva, perdéronse xa 30 postos de traballo directos,  80 eventuais, así como moitas empresas auxiliares.

E aínda que no mercado internacional existe demanda de ferroaliaxes e estase rexistrando un incremento dos prezos dos metais, a empresa segue negándose a presentar un plan de viabilidade e de investimentos e a concretar un calendario para o rearranque dos fornos, a pesar que o grupo Ferroatlántica (único cliente) pediulle arrancar os fornos 13 e 14 e por disputas entre XEAL e a propia Ferroatlántica os fornos seguen parados.

A realidade, tal e como advertiu o comité en reiteradas ocasións, é que a XEAL só ten interese no negocio da electricidade e materializou unha segregación encuberta de actividades prohibida polas cláusulas das concesións das centrais, o que debería supor a inmediata reversión dos dereitos de explotación.

Por iso, dende a representación do persoal remitiron no día de onte unha nova solicitude a Augas de Galiza para que este organismo cumpra cos deberes que lle incumben de control e supervisión e obrigue a empresa a respectar a condición esencial de non desvinculación de actividades “como mellor garantía de mantemento dos postos de traballo e da continuidade produtiva nas fábricas, tal e como volveu resolver recentemente o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”.

Recortes nos dereitos do persoal

Ademais do desmantelamento das plantas, XEAL tamén pretende recortar os dereitos das traballadoras e traballadores, así como o do persoal pasivo (xubilados/as, viuvez e persoal de longa enfermidade), dilatando a negociación do novo convenio colectivo co obxectivo de que perda vixencia e decaia, e así aplicar o convenio sectorial de condicións inferiores. A estratexia da empresa é tan obvia que mesmo se negou a acudir á mediación solicitada polo comité nun intento de desbloquear a negociación.

Por todas estas razóns, o comité denuncia que “non se entende a inacción da Xunta de Galiza ante unha empresa que recibe axudas públicas e que incumpre as condicións dunha concesión pública sobre a que a propia Xunta ten as competencias, pondo en risco a continuidade de máis de 250 postos de traballo”. A este respecto, insisten que ante a crise industrial que atravesa Galiza de norte a sur e en pleno proceso de transición enerxética, cunha alza imparábel no prezo da electricidade, "a Xunta non pode seguir sendo cómplice desta trama para que os beneficios xerados a conta de explotar os nosos recursos escapen para EEUU”.

Para reverter a fraude da operación de venda argallada entre Ferroatlántica e o fondo de investimentos TPG, o comité reclama unha vez máis que se recoñeza a nulidade da operación por non terse requirido a autorización administrativa previa correspondente, tal e como si se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos.