O comité de Zara Loxística forza a Inditex a reunirse tras máis de sete horas de peche na sede central

O encontro para abordar a falta de carga de traballo e a modificación dos calendarios laborais terá lugar este mércores 22 nas instalacións do grupo téxtil
Arteixo - 21 Mai 2024

O comité de empresa de Zara Loxística, que conta con representación da CIG, desenvolveu onte un peche de máis de sete horas no interior do edificio central de Inditex en Arteixo para esixir unha solución ao grave conflito laboral aberto pola prolongada falta de carga de traballo no almacén e o intento da compañía téxtil de modificar os calendarios.

A representación do cadro de persoal logrou finalmente que Inditex accedese a manter unha xuntanza este mércores 22 ás 11:00 horas no edificio central, xa que nun primeiro momento intentou que o encontro se celebrase nas instalacións de Zara Loxística. Dende o comité xa anunciaron a súa intención de non abandonar o edificio até que non sexan atendidas as súas demandas. De xeito que o peche iniciado onte e suspendido tras o compromiso da empresa podería continuar mañá. 

A representación sindical retomará o peche se a empresa non achega unha solución

No día de onte as persoas integrantes do comité accederon á recepción do edificio de Inditex, onde foron rodeadas por persoal de seguridade. “Entón puxéronnos en contacto telefónico coa directora de recursos humanos para a loxística, que nos comunicou que se atopaba fóra e que até o mércores non estaría na Coruña”, explica o secretario comarcal da CIG-Servizos e delegado da central sindical en Zara Loxística, Roberto Pérez.

A continuación mantiveron un encontro con dúas representantes do departamento de recursos humanos e do gabinete xurídico, que lles aseguraron que non podían tomar ningunha decisión até que o mércores volva a responsábel de loxística. “Despois de máis de sete horas no interior do edificio decidimos suspender temporalmente o peche ante o compromiso da xuntanza”. Un encontro que a empresa pretendía que tivese lugar nas instalacións de Zara Loxística, “pero negámonos porque estamos convencidos/as de que a responsabilidade desta estratexia de ir deixando morrer o almacén é de Inditex”.