Comité de XEAL: falta investimento e mantemento dos fornos e segue sen haber un plan de viabilidade

O persoal continuou esta tarde coas concentracións semanais diante do Concello de Cee
- 13 Nov 2020

A dirección de XEAL continúa coa súa campaña de propaganda, agora anunciando a reactivación “temporal” do forno 14, a pesar dos serios problemas e dos atrasos que se están rexistrando para arrancar a produción a causa do estado de abandono no que se atopa. Estas dificultades evidencian a falta de investimentos nas fábricas, nin tan sequera para garantir o mantemento adecuado dos fornos en previsión da súa posta en marcha.

Proba disto é o lamentábel estado da fachada do forno 13, que por risco de desprendemento constitúe un perigo para os/as traballadores/as e incluso para os/as viandantes.

En calquera caso, o comité quere aclarar que o arranque deste forno non supón máis que unha produción real do 15%, cando o resto do sector está fabricando por enriba do 75%, incluíndo o único cliente de XEAL, FerroGlobe. Isto demostra a condición de “subcontrata” das plantas de Cee e Dumbría, atadas nas súas capacidades produtivas ao que decida FerroGlobe, porque dependen deste grupo tanto para a subministración da materia prima como para saír ao mercado, ao que non pode concorrer libremente para colocar os seus produtos.

Doutra banda, para o comité, a decisión da empresa de reactivar este forno débese á presión dos traballadores e as traballadoras e do conxunto da comarca, e responde ademais a un intento de influír na resolución xudicial sobre o recurso interposto contra a decisión de Augas de Galiza de impedir a segregación das fábricas e as centrais hidroeléctricas, que estes días se debate no TSXG.

E mentres XEAL mantén a súa política de propaganda, segue sen entregar a documentación que o comité lle pediu en numerosas ocasións sobre os contratos e acordos comerciais, o plan de viabilidade (ao que obrigan as cláusulas das concesións) e os resultados dos últimos exercicios económicos. Información que á representación legal do persoal ten dereito a coñecer e que, ante a negativa da empresa, vén de reclamar vía Inspección de Traballo.

Concentracións semanais en Cee

Así as cousas, e ante o desmantelamento evidente das fábricas e a perda de emprego, o persoal continuou esta tarde coas concentracións que todos os venres veñen realizando diante do Concello de Cee, en defensa do futuro industrial da comarca, do mantemento de todos os postos de traballo e para que se cumpra coas obrigas das concesións, única maneira de garantir que se respecta o interese público.

Nesta liña, o comité reitera á demanda á Xunta de Galiza para que, se a empresa continúa sen entregar o plan de viabilidade nin realizar as inversións necesarias, proceda ao rescate inmediato das concesións.