O comité denuncia a XEAL ante a Inspección de Traballo pola falta reiterada de información
O comité de XEAL vén de presentar denuncia contra a empresa diante da Inspección de Traballo pola falta reiterada de información á representación legal dos e das traballadoras. A Inspección xa emitira unha resolución en agosto pasado advertindo á empresa sobre a obrigatoriedade de cumprir co estabelecido no artigo 64.2.b do Estatuto das persoas traballadoras, mais a día de hoxe continúa sen trasladar ningún tipo de información sobre a evolución e previsión das súas actividades, a produción e as vendas e o plan de produción.
"Esta falta de transparencia impídenos avaliar se a drástica caída da actividade produtiva se debe a cuestións de mercado, vén imposta polas obrigas contractuais adquiridas con FerroGlobe na fraudulenta operación de compra-venda, ou se se trata dunha decisión empresarial intencionada, co obxectivo de afondar no deterioro e desmantelamento das fábricas de Cee e Dumbría", sinala o comité.
En calquera caso, esta situación xa está tendo graves consecuencias sobre os postos de traballo (tanto directos como nas auxiliares), polo que o comité esíxelle á empresa, unha vez máis, información concreta e que poña en marcha de inmediato un plan industrial e de recuperación da actividade que garanta a viabilidade das fábricas e dos cadros de persoal, e permita recuperar os niveis de emprego que había no ano 2019, así como que se fagan todos os investimentos comprometidos.
Cómpre lembrar que o16 de xullo, XEAL suspendía a actividade do forno 22, dentro do programa de parada anual, que normalmente non dura máis de 15 días. Porén, a data actual este forno segue sen produción. O 24 de setembro, a dirección decidiu parar o forno 12, sen informar previamente á representación social e sen estabelecer un calendario para a súa posta en marcha. Deste xeito, dos cinco fornos que hai no complexo industrial, nestes momentos só un está en funcionamento, pero ademais cunha actividade mínima.
Isto acontece mentres a xeración de electricidade está nos niveis normais e incluso a empresa pretende incrementar o negocio de produción enerxética. Por iso, o comité denuncia o desinterese da Xunta de Galiza polo futuro industrial da comarca da Costa da Morte, negándose a abrirlle expediente á empresa e a reverter as concesións, porque, segundo din, a administración galega non ten constancia, nin coñecemento de que se estean a incumprir as cláusulas concesionais".
Calendario de mobilizacións
Diante desta situación crítica á que a empresa e a Xunta están abocando ás fábricas de ferroalixes e ante os ataques constantes de XEAL aos dereitos dos traballadores e traballadoras, o comité continua co calendario de mobilizacións pola cumprimento concesional e a aplicación do convenio propio.
Para este xoves, 20 de outubro, está convocada concentración diante da fábrica de Cee ás 17:15 horas. O xoves 27 de outubro, farase manifestación en Santiago ás 10:30h dende o edificio administrativo da Xunta en San Caetano até as oficinas de Aguas de Galiza. Ademais hai convocada unha xornada de folga de 24 horas para o 17 de novembro porque os traballadores e traballadoras de XEAL non imos parar até que se atendan as nosas reivindicacións, que son de total xustiza.