O comité denuncia na Inspección de Traballo o proceder irregular de XEAL ante os casos de acoso laboral e sexual

Este venres o persoal concentrarase na fábrica de Brens para esixir a nulidade da operación de venda
Cee - 08 Xul 2021

O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e as centrais hidroeléctricas) acaba de presentar denuncia na Inspección de Traballo para que investigue o proceder irregular da dirección ante os casos de acoso laboral e sexual denunciados por dúas traballadoras, xa que se incumpriu de maneira flagrante o plan de igualdade, pois a empresa nin adoptou medidas contra o presunto agresor, nin constituíu unha comisión de investigación, nin deu traslado destas situacións á representación social.

De feito, subliñan que, tras a posta en coñecemento das situación de acoso por parte das traballadoras, "a dirección tentou ocultar estas denuncias iniciando un proceso de pesquisas á marxe do establecido no seu plan de igualdade e impedindo deste xeito que o comité e os/as delegados/as de prevención tiveran coñecemento da apertura dunha investigación e puideran participar da mesma, tal e como se establece na lexislación vixente".

Ademais, advirten que XEAL suplantou de maneira totalmente ilegal a representación unitaria dos/as traballadores/as, nomeando un "Defensor do Empregado" e deixando así nunha situación de desamparo ás traballadoras que sufriron o acoso. Para evitar estas eivas, o protocolo de acoso establece a constitución dunha comisión de investigación cun representante dos/as traballadores/as ou unha persoa nomeada polas traballadoras, para que poidan estar presentes nos interrogatorios das testemuñas coas preguntas que consideren oportunas para garantir o equilibrio.

Aínda máis grave resulta que, malia concluír que o denunciado incorreu en condutas non permitidas pola empresa no seu plan de igualdade, a empresa non tomou ningunha medida, "dando acubillo a un individuo que leva a cabo condutas totalmente contrarias aos principios que ten aprobados". Por todo isto, o comité agarda que a Inspección faga as investigacións oportunas e depure responsabilidades para que non se volvan repetir este tipo de actuacións na empresa.

Continúa o calendario de mobilizacións

Por outra banda, o comité continuará mañá, venres 9 de xullo, co calendario de mobilizacións semanais diante da fábrica de Brens para esixir exixir da Xunta de Galiza que recoñeza a nulidade da operación de venda realizada por FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, por non terse requirido a autorización administrativa previa correspondente, tal e como si se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos.

O comité reitera a fraude que supuxo a operación de cambio de titularidade das centrais e do complexo industrial de FerroAtlántica e pídelle á Xunta que interveña ante a empresa para demandar a inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura de todos os postos de traballo destruídos dende a chegada de Ithaka á dirección, tanto no cadro de persoal como de emprego eventual, e na industria auxiliar.

Desde o comité exixen tamén a readmisión do traballador inxustamente despedido hai unhas semanas, enmarcada na política de persecución contra os traballadores e traballadoras iniciada pola dirección da empresa.