O comité denuncia que Ferroatlántica (XEAL) só adoptou as medidas preventivas máis beneficiosas para a empresa

A representación social alerta que hai persoal de grupos de risco acudindo ao seu posto
Cee - 23 Mar 2020

O comité de Ferroatlántica Cee, Dumbría e centrais hidroléctricas (agora denominada XEAL) alerta da nefasta xestión que está a facer a dirección da empresa ante a situación de emerxencia sanitaria xerada polo coronavirus, non garantindo a seguridade e a saúde dos seus traballadores/as "e mantendo no seu posto de traballo a compañeiros e compañeiras que se atopan nos grupos de risco".

A empresa, denuncia o comité, non está a consultar coa representación social a adopción das medidas preventivas e nin sequera tivo a ben trasladar un listado de persoas en grupo de risco elaborada polo servizo médico. Polo que nestes momentos "hai traballadores e traballadoras que, a pesar de formar parte dalgún dos grupos máis vulnerábeis, teñen que seguir acudindo ao seu posto de traballo con normalidade", advirte o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG).

Diante desta manifesta irresponsabilidade, reclama da empresa que, de inmediato, traslade un listado das persoas en grupo de risco para garantir que ningunha delas estea acudindo a traballar e pondo en risco a súa saúde.

Peche do comedor sen alternativa

De igual xeito, o comité demanda de Ferroatlántica que adopte todas cantas medidas preventivas sexan necesarias para garantir a seguridade do persoal e evitar novos contaxios. Iso inclúe a dotación de EPIs para todo o persoal no número necesario e a hixienización dos postos, así como a reorganización do traballo para poder garantir que se respectan as distancias de seguridade e non se producen aglomeracións.

A este respecto, Mouzo sinala que as medidas postas en marcha até agora foron as máis doadas e beneficiosas economicamente para a empresa e non se contou coa participación do comité para a súa aplicación. A empresa cesou a actividade noutros dous fornos "dicindo que ían concentrar a produción nos dous únicos fornos que quedan en marcha, e os feitos indican o contrario, de feito eses dous fornos traballan menos que antes".

Ferroatlántica pechou tamén o comedor social, de maneira unilateral para aforrar custes, cando na práctica esta medida non supón ningún tipo de beneficio nin protección adicional para o persoal. Tal é así, que agora "vémonos na obriga de desenvolver a  actividade laboral de xeito continuado durante máis de 8 horas e media sen xantar, nin sequera temos servizo de bocadillos, e sen que se nos teñan dado ningún tipo de facilidade de adaptación horaria". critica.

Ademais, dende esta fin de semana, Ferroatlántica adoptou outra medida prexudicial para a saúde dos traballadores como é a clausura dun vestiario, amoreando o persoal no resto dos vestiarios.

Dende o comité tamén critican que a empresa fai caso omiso da petición da representación legal de tomarlle o control da temperatura na entrada a todas as persoas que acceden ás instalacións, para que en caso de ter síntomas se lle negue a entrada, tanto de persoal propio como externo. Négase  tamén a darlle un certificado aos traballadores que teñen que desprazarse ao seu posto de traballo, para que poidan acreditar o desprazamento ante as forzas de seguridade.

A empresa interpreta a normativa para o seu beneficio

Pero pola contra, a empresa non aplicou cambios organizativos para evitar os  amoreamentos de traballadores/as nos vestiarios ou á entrada das quendas. "O que está facendo Ferroatlántica ante a pandemia do coronavirus é interpretar certa normativa para o seu beneficio, prexudicando notabel e conscientemente os dereitos e a saúde dos seus traballadores, mais sen adoptar medidas realmente efectivas para garantir a seguridade e evitar os contaxios".

Por todo isto, o comité esixe da empresa que actúe con responsabilidade, cumpra coa súa obriga de garantir a seguridade e saúde do persoal e, de non ser así, "presentaremos as denuncias que sexan necesarias diante da autoridade laboral e sanitaria".