
O comité do 112 convoca unha concentración en demanda da xestión pública do servizo

O comité de empresa do 112 en Galiza vén de anunciar a convocatoria dunha concentración na Estrada este martes 11 de febreiro para demandar a xestión pública do servizo, coincidindo co Día Europeo deste servizo de emerxencias. A mobilización, que se desenvolverá no cambio de quenda de 14:30 a 15:00 horas, fai parte da iniciativa adoptada a nivel estatal pola representación sindical de boa parte das comunidades autónomas tras o acontecido durante a dana para denunciar que as emerxencias “non son un negocio”. De xeito que ese mesmo día terá lugar unha manifestación en Valencia na que participará persoal do 112 de todo o Estado.
Dende o comité do 112 denuncian que o servizo no noso país está privatizado e xestionado por unha empresa que non é galega e que non ten experiencia en emerxencias. Ademais, a Xunta saca a concurso o servizo por máis de sete millóns de euros, e a empresa quédase cunha porcentaxe de beneficio xa fixada nas plicas. “Ao tratarse dun concurso público hai que pagar o correspondente IVE, mentres que se o servizo estivera internalizado non habería que abonar esa cantidade a maiores”.
Lembran que a empresa é unha “mera intermediaria” entre a Administración e o persoal: recibe o diñeiro público, quédase cunha parte e o resto é o que abona nas nóminas ao persoal; mais o edificio no que se atopa a central pertence á Xunta, igual que todo o material. E os protocolos e ordes son emitidas directamente pola Administración. “A empresa actúa sempre buscando o lucro, non pensa no servizo nin nos profesionais que traballamos alí”.
Con este modelo de xestión, se a compañía decidira despedir a todo o persoal o servizo veríase gravemente prexudicado porque se trata dun traballo moi específico que precisa de ampla formación e experiencia. “Formación que se leva a cabo dende a propia Xunta e experiencia que necesita de anos de traballo atendendo as emerxencias dende o teléfono”.
Por iso a raíz do acontecido durante a xestión da dana que afectou gravemente a Comunitat Valenciana e a Castela-A Mancha os comités da maioría das comunidades decidiron promover accións conxuntas para esixir a xestión pública directa do 112. Comezando por manter xuntanzas para coordinar a representación sindical e convocando unha manifestación en Valencia este martes 11 de febreiro ás 12:00 horas, coincidindo coa conmemoración do Día Europeo do 112. No caso galego optouse por desenvolver unha concentración esa mesma xornada diante da central do servizo de emerxencias na Estrada de 14:30 a 15:30 horas.
Con estas mobilizacións tamén se pretende demandar a profesionalización do posto de traballo: “Que nos recoñezan como corpo especializado, valorando a antigüidade, coidando o persoal traballador e prevendo o seu esgotamento físico, mental e emocional mediante un apoio psicolóxico sistematizado e unhas condicións laborais adecuadas”.
Neste senso, lembran que o número de teléfono 112 é o único servizo gratuíto de asistencia á cidadanía a nivel europeo, atendendo chamadas de emerxencia as 24 horas do día, os 365 días do ano, en diversos idiomas e en colaboración cos cooficiais de cada territorio do Estado. A súa xestión recae en cada país membro -e no caso español en cada comunidade autónoma-, sendo o primeiro elo na atención ás emerxencias.
Xestionado por empresas privadas
A maioría das comunidades delegaron a xestión do 112 en empresas privadas, “cuxo principal obxectivo é o beneficio económico, o que repercute directamente na calidade do servizo, dando lugar a un sistema precario con numerosas carencias que afectan tanto ao persoal profesional que atendemos as chamadas como á cidadanía que confía neste servizo esencial”.
Por iso os insisten na necesidade de que as administracións que asuman a xestión directa, tal e como se establece nos decretos de creación do servizo. Ademais, despois de máis de 20 anos de implantación no Estado, consideran imprescindíbel iniciar un proceso de internacionalización deste servizo público, garantindo a súa integración e cooperación a nivel global, e asegurando que non se transforme nun negocio suxeito a fins lucrativos.
“O actual modelo de xestión privatizada, ao priorizar o beneficio económico, precarizou as nosas condicións laborais e a calidade do servizo, levándonos até o límite. A atención en situacións de emerxencia require un entorno estábel e adecuado, adaptado á complexidade e gravidade de cada caso, para poder ofrecer a resposta e atención que a cidadanía merece”.
Por iso censuran que se sigan a aplicar modelos que priorizan intereses comerciais por enriba das necesidades reais do servizo e da cidadanía. “Reclamamos unhas emerxencias públicas, de calidade e sen fins de lucro, xestionadas directamente pola administración competente”.