O comité do CAMF de Ferrol alerta da falta de persoal, a perda de calidade asistencial e o deterioro das instalacións

Convoca concentración, xunto coa ACAFE, o xoves 12 de maio para esixirlle solucións ao IMSERSO
Ferrol - 09 Mai 2022

O comité do persoal laboral da Administración xeral do estado (AXE) e a Asociación de Persoas Residentes do CAMF de Ferrol (ACAFE) teñen convocada unha concentración para o vindeiro xoves,  12 de maio, ás 12 horas para denunciar o abandono do centro de atención a persoas con diversidade funcional por parte do IMSERSO.

Hai anos que o comité vén denunciando a precaria situación do cadro de persoal do CAMF de Ferrol. Explican que, por unha banda existe un elevado número de postos vacantes, e doutra a administración estatal leva anos empregando un sistema de contratación temporal "declarado irregular pola Inspección de Traballo". Este sistema provoca unha gran precariedade laboral nas persoas contratadas e supón un prexuízo na prestación dun servizo tan especifico como o que se dá neste centro.

A situación non deixou de empeorar nos últimos anos

Neste senso, apuntan que a actividade do CAMF consiste na atención de persoas con diversidade funcional que, debido ás súas limitacións, na maioría dos casos precisa dunha atención continuada para as actividades básicas da vida diaria (alimentación, hixiene, mobilidade...), "por iso o traballo do persoal é imprescindíbel para ter unha calidade de vida digna".

Pero nestes últimos anos "a situación non deixou de empeorar, ademais dun cadro de persoal insuficiente, as vacantes non pararon de aumentar. Nestes intres existen 23 postos vacantes de 157,que non se están cubrindo con contratacións temporais. Tampouco se cobren as vacacións e os permisos aos que ten dereito o persoal".

Hai 23 postos vacantes de 157, que non se están cubrindo con contratacións temporais. E tampouco se cobren as vacacións e os permisos

Esta situación xera serias dificultades para a atención das persoas que residen no centro "e que non empeora máis grazas ao esforzo que están realizando as traballadoras a través de incrementos de xornada".

O comité salienta que a modalidade de contratación empregada neste centro era a de contratos por circunstancias da produción, "pero coa entrada en vigor da nova normativa laboral, este tipo de contratos está moi limitado e o IMSERSO en vez de buscar unha alternativa menos precaria, o que fixo é paralizar case de toda a contratación temporal".

Esta falta de traballadoras/es deixouse notar especialmente coincidindo cos festivos da Semana Santa, ocasionando "que a atención ás persoas residentes se resentira e houbera queixas relativas á carencia de persoal para certas actividades básicas e que continúan e continuarán se non se toman medidas".

Falta de persoal e deficiencias nas instalacións

O comité leva anos incidindo ante o IMSERSO da delicada situación na que se atopa a prestación dun servizo que debería ser prioritario. Nos últimos anos, o órgano de representación ten presentado varias denuncias ante a Inspección de Traballo nas que se constataron múltiples irregularidades, realizou concentracións, trasladou as demandas ás institucións e partidos políticos "sen que ate o de agora ninguén fixera nada".

Ademais, o comité tamén deu traslado das numerosas deficiencias que atinxen ao lamentable estado no que se atopan as instalacións dun centro sito nun edificio feito hai máis de 30 anos e que nunca tivo unha reforma en profundidade.

Anta falta de solucións, acordouse convocar esta concentración "coas persoas residentes, traballadoras, asociacións e todas aquelas institucións e persoas que nos queiran apoiar, para reclamarlle ao IMSERSO que, dunha vez por todas, tome as medidas precisas para garantir un servizo de calidade dirixido a un dos sectores con máis necesidades da nosa sociedade".