O comité do Hotel Porta do Camiño inicia mobilizacións tras do despedimento de dúas compañeiras
Esta mañá iniciáronse as mobilizacións diante do hotel Porta do Camiño, en San Lázaro, convocadas polo comité de empresa, para demandar a readmisión de dúas compañeiras do departamento de pisos por denunciar a súa situación laboral. O despedimento producíuse no mes de decembro e malia demandar, en varias xuntanzas, a súa readmisión, a dirección négase a readmitilas.
O comité de empresa ten denunciado, de forma reiterada, a situación de sobrecarga de traballo que hai neste departamento así como a actitude despótica da gobernanta. Mesmo chegou a facer entrega dun escrito con sinaturas das traballadoras deste departamento, así como doutras que xa non están na empresa, denunciando a actitude da gobernanta cara elas.
Trátase dun departamento con moitísima rotación de persoal, a diferenza dos outros, que contan cun cadro de persoal estable.
O comité salienta a situación de precariedade e sobre explotación que sofre o departamento de pisos no sector de hostalería.
O comité manifesta ademais que lamenta profundamente a actitude da Dirección que é, segundo explican, a que os aboca a iniciar mobilizacións para denunciar publicamente a situación en particular destas dúas compañeiras despedidas e deste departamento en xeral sendo uns dos máis precarizados do sector.