O comité do servizo de limpeza do Clínico denuncia o incumprimento da contrata e do convenio colectivo

Responsabiliza á Xerencia de non verificar se se aplica a totalidade da oferta técnica de Grupo Norte
Compostela - 14 Dec 2018

O comité de Empresa do servizo de limpeza do Hospital Clínico de Compostela, compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado dos asesores sindicais da CIG, CUT e UGT, para denunciar que a empresa concesionaria, Grupo Norte, está a incumprir tanto a oferta técnica da contrata, como o convenio colectivo e diferente lexislación en materia de prevención de riscos laborais.

Segundo explicou o asesor da CIG, Anxo Noceda, a oferta técnica estaría incumpríndose en aspectos como o número mínimo de horas de traballo ofertadas diariamente; na non cobertura da práctica totalidade das ausencias do persoal e nun déficit do cadro de persoal estrutural necesario. Xunto a isto asegurou que se está incumprindo o recollido nunha acta do comité de prevención onde se establecían diferentes tarefas que non lle corresponde realizar ao persoal de limpeza, así como o protocolo a seguir en labores concretos de limpeza.

Isto implica, segundo Noceda, que sistematicamente se lle estean denegando os asuntos propios (días de libre disposición) ao cadro de persoal –formado maioritariamente por mulleres-; que estea paralizado o proceso do concurso de vacantes que tiña que se ter iniciado a mediados do pasado mes de novembro e que continúe, e mesmo se incremente, a sobrecarga laboral, situación que xa fora detectada mediante o estudo de factores psicosociais.

1.400 contratos temporais nun ano

“Moi ilustrativo do que significa esta situación é que neste centro de traballo, desde o día 3 de decembro de 2017, data de inicio desta concesión, até hoxe se leven realizados uns 1.400 contratos temporais, moitos deles cunha duración de 1, 2 ou 3 días”, denunciou o representante da CIG.

Isto último, segundo Noceda “ademais de implicar unha clara precariedade e eventualidade laboral presumiblemente podería significar unha clara fraude na contratación”. Neste sentido lembrou que o número de horas ofertadas na contrata corresponderíase cun total duns/dunhas 202 traballadores/as fixos/as e a xornada completa pero que na realidade escasamente superarían os 180 traballadores/as.

Informe do Consello de Contas

Cando menos esta é a conclusión que tira o comité de empresa da actualización dos datos aportados polo Consello de Contas no sei informe correspondente ao ano 2015, cando estimaba que naquel momento eran necesarias máis de 194 persoas a xornada completa para dar cumprimento ao ofertado daquela.

Diante desta situación, que se ven arrastrando desde hai anos, o comité responsabiliza á Xerencia de non controlar se a concesionaria cumpre ou non o ofertado nesta contrata. Neste sentido Noceda explica que “todas estas deficiencias foron trasladadas á Xerencia, non só no relativo a esta licitación, senón tamén a licitacións anteriores”. Asegura ademais que “o comité aportou, ou puxo ao dispor da Xerencia, datos relativos a estes incumprimentos, manifestando a Xerencia en todo momento que, segundo os datos que obraban no seu poder, os manexados polo comité non eran correctos”.

Por estas e outras cuestións o comité xa convocou mobilizacións a principios deste ano e de novo a Xerencia xustificou á empresa argüíndo que levaba pouco tempo coa concesión. “Agora xa leva máis dun ano e cremos que xa non serve  a escusa de que levan pouco tempo”, subliñou a Presidenta do comité Pilar Seoane.

Fronte as xustificacións da Xerencia o representante da CIG lembrou ademais que nese mesmo informe do Consello de Contas constátase que, por unha banda, os datos que utiliza a dirección do centro hospitalario para controlar as presenzas son única e exclusivamente os que lle aporta a empresa e, pola outra banda, que no que se refire ao ano 2015, tal e como denunciou daquela o comité de empresa, os 15 traballadores/as ofertados/as para conformar un retén por parte da anterior concesionaria non se pode acreditar que existiran.

Diante desta situación o comité demanda o inmediato dimensionamento do cadro de persoal adecuando o persoal fixo ás necesidades dos servizos ofertados; que tal e como se compromete a empresa na súa oferta, se cubran todas as ausencias desde o primeiro momento; que para dar cumprimento a estas dúas cuestións se restableza de inmediato a bolsa de traballo que estaba acordada xa coa anterior concesionaria; que se cese na negación inxustificada dos días de libre disposición ao conxunto do persoal e o inmediato cumprimento do establecido en materia preventiva.

Para avaliar esta situación e as medidas a adoptar está prevista para a semana que vén unha asemblea de traballadores/as na que non se descarta que se acorde un calendario de mobilizacións.