O comité Intercentros da CRTVG chama a todo o persoal a sumarse aos paros convocados para o 24 e 25 de Marzo
O comité Intercentros da CRTVG chama ao persoal da Corporación a participar nos paros convocados para o venres día 24 e sábado día 25 de marzo, para facer valer o convenio colectivo e dar unha resposta contundente á dirección da empresa que poña fin aos abusos que está a padecer o persoal. No marco destas protestas, teñen convocada unha concentración para este venres, día 24, ás 12:00 horas, na Praza do Toural.
O comité Intercentros celebrou este martes unha asemblea de traballadoras, despois da prohibición empresarial das convocadas para os días 9 e 11 de marzo dentro das instalacións da CRTVG no centro de traballo de San Marcos.
“A solución a esta prohibición foi amparármonos na redacción literal do mesmo artigo 78 ET no que se baseou a empresa para impedir as reunións do 9 e o 11 de marzo, xa que as reunións informativas sobre o convenio colectivo non están afectadas polo prazo de dous meses que teñen que transcorrer desde a última asemblea convocada”, explica Tiago Alvite, presidente do comité, quen apunta que “conseguimos así non caer na provocación e evitamos expoñer ás persoas traballadoras a situacións de risco innecesarias”.
Situación laboral de conflito
Nesta asemblea informouse dos artigos do convenio colectivo referidos á actual situación laboral de conflito pola que está a atravesar a CRTVG, nomeadamente o artigo 91.3.13, referido aos actos que atenten contra a dignidade das persoas traballadoras; o artigo 91.4.9, sobre condutas que atenten contra a saúde e a dignidade ou propicien unhas condicións de traballo tensas ou intimidatorias, e o artigo 91.4.20, que dispón que “as persoas traballadoras tamén poderán solicitar a iniciación do oportuno expediente nos supostos de abuso de autoridade do persoal directivo”.
Isto último é o que, segundo Alvite, solicitou o Comité Intercentros a principios do mes de febreiro, despois do “maltrato recibido por unha traballadora da RG por parte do seu superior funcional”. Unha situación “de abuso máis” sobre a que a Dirección de Recursos Humanos “se negou actuar no sentido referido no devandito artigo do noso convenio”.
Os traslados forzosos de medios de traballadoras non foron máis que a pinga que rebordou o vaso dunha situación laboral marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión sobre as persoas traballadoras críticas coa manipulación informativa e o desmantelamento do servizo público de comunicación audiovisual.
Ante esta situación que o comité cualifica de “insostíbel” e amparándose no artigo 114.2 do convenio acordou solicitar a declaración de folga legal, convocando o paro de 24 horas do pasado 6 de marzo, e agora outras dúas xornadas de folga os próximos días venres 24 e sábado 25 de marzo.