O comité intercentros reclama máis persoal para atallar a sobrecarga laboral dos equipos técnicos de menores
O comité intercentros de Política Social critica a falta de resposta da Consellaría ás solicitudes de reunión para abordar as problemáticas que enfrontan os equipos técnicos de menores pola sobrecarga laboral, a falta de protocolos precisos e unificados, a inestabilidade ou mesmo a ausencia de espazos de traballo que garantan a adecuada atención.
Lembran que os equipos técnicos de menores son os encargados de velar polo benestar dos nenos e nenas en situacións vulnerábeis así como de, entre outras cuestións, garantir a idoneidade das persoas que solicitan unha adopción ou un acollemento; “é dicir, garantir a seguridade das crianzas máis indefensas”.
Porén, a día de hoxe, e malia térense solicitado reunións tanto por parte do persoal técnico como do comité “o único que obtemos é a calada por resposta”. O presidente do órgano intercentros, Manuel Gallardo (CIG), salienta que as peticións “son completamente lóxicas de cara a desenvolver o traballo de maneira segura, tanto para as persoas traballadoras como para as meniñas e meniños”.
Entre as principais problemáticas resaltan:
- Incrementar os investimentos, para dotar ao sistema de máis prazas e recursos.
- Corrixir a sobrecarga laboral, garantindo ratios e tempos de atención. A data de hoxe hai profesionais que teñen que atender até 137 nenos e nenas ao ano, o que imposibilita garantir unha atención individualizada axeitada.
- Implantar protocolos de actuación claros, precisos e unificados, nos que se recollan as diferentes accións e procedementos a desenvolver.
- Clarificar as funcións do persoal técnico das ETM e do resto do persoal.
- Dispoñer dun protocolo e do apoio preciso, en canto a defensa e representación legal, en caso de sufrir algún tipo de agresión ou ameaza no desempeño do traballo.
- Fomentar a estabilidade laboral e a permanencia nos equipos
- Contar con espazos de traballo axeitados que permitan unha atención de calidade.
“Medidas todas elas necesarias para garantir un bo servizo, onde se prime a seguridade dos e das menores e o seu ben estar. Os locais onde este persoal realiza o seu traballo é, nalgúns casos, infrahumano, sen intimidade nin condicións axeitadas para a realización do seu labor”, asevera o comité.
Déficit de persoal xeneralizado en todos os servizos
Alén das problemáticas nos equipos técnicos de protección de menores, o comité intercentros apunta tamén á precariedade nas residencias de maiores e centros de atención directa da Consellaría “nos que falta persoal”, con especial gravidade no caso do servizo do servizo de dependencia e de valoración da discapacidade “onde nalgúns casos chégase a ter un atraso na valoración das persoas usuarias de tres anos”.