O Concello da Coruña elimina o permiso parental retribuído de oito semanas para o seu persoal
O sector de Administración Local da federación de Administracións Públicas da CIG da Coruña vén de solicitarlle ao Goberno local da cidade aclaracións ao respecto da eliminación, de forma unilateral e sen negociación previa coa representación legal das persoas traballadoras, do carácter retribuído do permiso parental de oito semanas para o coidado de fillo, filla ou menor acollido, que esta administración pública establecera, de xeito pioneiro, para o persoal público.
Dende a central sindical sinalan que a Directiva europea (UE) 2019/1158 recoñece até oito semanas de permiso parental retribuído, mais o Goberno español, a través da súa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, “fai unha transposición tramposa, unha vez máis, da normativa e sacou adiante o Real Decreto-Lei 9/2025, de 29 de xullo, polo que se amplían os permisos de nacemento e coidado, obviando, novamente, o carácter retribuído do permiso parental de oito semanas para o coidado de fillo, filla ou menor acollido”.
Unha vez que esta central sindical reciba a resposta motivada que lle solicitou ao Goberno local valorará as medidas legais a tomar ante este recorte e vulneración de dereitos relativos á conciliación da vida familiar
O Estado español xa foi multado con contías que superan os 10 millóns de euros por, precisamente, negarse a regular o carácter retribuído deste permiso. Na CIG lembran que a UE esixe que se atenda o custe económico asociado aos permisos de coidado, incluíndo este permiso parental. Denuncian, polo tanto, que coa aprobación deste novo Real Decreto-Lei semella que o Goberno español fai un “intento de lavar a cara”, mais sen asumir a prestación compensatoria vinculada ao goce do permiso parental para cumprir así realmente cos deberes marcados desde Europa.
No caso do Concello da Coruña conseguírase, pola vía da negociación colectiva, que o Goberno municipal de Inés Rey aprobase, de xeito pioneiro, a remuneración deste permiso dende o pasado agosto de 2024, e así foi publicado na Instrución 2/21 que neste Concello regula o réxime de vacacións, permisos e licenzas do seu persoal público. Dende entón máis de 180 persoas traballadoras gozaron deste permiso retribuído.
Dende a CIG critican que o propio concelleiro con competencias delegadas en materia de persoal, José Manuel Lage Tuñas, se gabase o pasado 26 de xullo nunhas “declaracións propagandísticas” feitas a diversos medios comunicación de que “esta medida permite cuidar sin penalización económica, fomenta la corresponsabilidad entre hombres y mujeres y mejora las condiciones de los trabajadores”. Unha decisión que para Lage Tuñas “refuerza el compromiso” do Concello “con la igualdad y la conciliación” e sitúa a cidade como “referencia en la gestión pública de derechos laborales”.
Hipocrisía dos gobernos progresistas
Pois ben, a sección sindical da CIG no Concello da Coruña vén de ter coñecemento de que o Goberno de Inés Rey decidiu eliminar, pola vía dos feitos e sen negociación nin comunicación previa á representación legal das persoas traballadores, o carácter retribuído deste permiso, e que ante as peticións actuais do seu persoal se lle está instando a que, no caso de que desexen gozar igualmente do permiso pero sen o carácter retribuído, renuncien voluntariamente ao carácter retribuído mediante un correo electrónico.
“Unha vez que esta central sindical reciba a resposta motivada que lle solicitou ao Goberno local valorará as medidas legais a tomar ante este recorte e vulneración de dereitos relativos á conciliación da vida familiar”, adiantan dende a CIG.
Finalmente, censuran o feito de que non teñan que facerlle fronte unicamente ás políticas “machistas e retrógradas” da dereita, “senón tamén combater a hipocrisía dos gobernos progresistas máis centrados na propaganda que na defensa dos dereitos de conciliación da clase traballadora en xeral, e das mulleres e persoas xestantes en particular”.