O Concello da Coruña pretende conculcar os dereitos fundamentais das súas traballadoras

O Goberno municipal asegura descoñecer a convocatoria de folga de mulleres do 8 de marzo

A Coruña -

O Concello da Coruña pretende vulnerar o dereito fundamental á folga das súas traballadoras ao asegurar que descoñece a existencia da convocatoria de folga de mulleres para o 8 de marzo. Esta actuación do Goberno municipal, que se enmarca na campaña de boicot, persecución, criminalización e invisibilización da loita feminista, é unha forma de machismo institucional que a CIG non vai consentir, e por iso denunciará a gravidade destes feitos alí onde corresponda.

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña tivo coñecemento de que o departamento de Persoal estaba a pór problemas e atrancos a aquelas traballadoras que ao longo desta semana manifestaron a súa intención de secundar a folga, alegando que non ten constancia da convocatoria e cuestionando, polo tanto, o amparo legal das folguistas. Cómpre lembrar que a CIG rexistrou o pasado 27 de xaneiro a convocatoria de folga de mulleres, que afecta a todas as actividades e a todos os centros de traballo de Galiza, tanto no sector público como privado.

Que o Concello da Coruña pretenda obviar a existencia desta convocatoria supón un desagravio máis do Goberno do PSOE á loita das mulleres, que se suma á negativa a permitirlle a plataforma Galegas8m (da que a CIG tamén forma parte) que coloque cadeiras na Praza de María Pita con motivo da concentración convocada para o vindeiro luns.

A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, considera “intolerábel” esta actuación, que vén demostrar a hipocrisía das conmemoracións institucionais do 8 de marzo, e chama ás mulleres a participar tanto na folga como nas mobilizacións convocadas pola CIG e por Galegas8m para dar a resposta que merecen estes ataques.

Volver