O Concello da Estrada pretende aprobar unha RPT sen terlle entregado antes o documento aos sindicatos

A CIG denuncia que inclúe modificacións das condicións laborais que descoñece a representación do persoal

A Estrada -

A federación da Administración da CIG denuncia que o Concello da Estrada pretende aprobar a Relación de Postos de Traballo (RPT) sen terlle entregado antes o documento ás organizacións sindicais, o que suporía aplicar unha modificación das condicións de traballo que descoñece a propia representación do persoal.

O Goberno local estradense non fixo entrega da RPT a pesar de que dende a CIG se lle solicitou por escrito o pasado 25 de marzo, de igual xeito que se lle pediu o informe de intervención sobre un documento que inclúe modificacións das condicións de traballo que descoñece a propia representación do persoal. 

O documento non recolle a carreira profesional nin a posibilidade de promoción interna

Por iso a central sindical votou en contra da súa aprobación, mais tamén porque o documento non recolle a carreira profesional nin a posibilidade de promoción interna para os empregados/as municipais.

Ao mesmo tempo, dende a CIG-Administración advirten que é posíbel que coa súa entrada en vigor o persoal perda cartos “porque non coñecemos o valor do punto”. Lembran que a representación da CIG esixía que o punto valese 20 euros dende o primeiro día. Con todo, a RPT foi aprobada onte en comisión informativa cos grupos políticos grazas á maioría do PP.

Na última xuntanza coas organizacións sindicais unicamente a CIG e a UGT votaron en contra do documento, mentres que tanto CCOO como a CSIF optaron pola abstención, “avalando deste xeito unha RPT que non temos por escrito”. En consecuencia, dende a federación de Administración critican a “opacidade” coa que está a actuar o Goberno local durante todo o proceso.

Un proceso que se remonta ao ano 2016, cando se aprobou a RPT. A partir de entón todos os sindicatos con representación no Concello presentaron recursos contra o documento, que remataron coa súa xudicialización até que unha sentenza obrigou a introducir varias modificacións, como a obriga de crear de certas prazas ou de valorar o punto de xeito lineal. Neste contexto a CIG apostou por elaborar unha nova RPT que incluíse melloras, pero o resto de centrais prefiren que se aplique de maneira estrita.

Volver