O Concello da Fonsagrada despide os traballadores do GES que tivo que readmitir por mandato xudicial

A CIG de Lugo-A Mariña informa que vai impugnar os despedimentos, que a administración executou mediante un ERE de extinción
A Coruña - 07 Set 2016
O Concello da Fonsagrada comunicou o pasado 29 de agosto o despedimento aos 12 traballadores/as do GES que foran readmitidos/as logo de que diversas sentenzas xudiciais declararan nulos os ceses que o goberno local realizara a finais do ano 2015. Para executar esta medida, o Concello aplicou un expediente de regulación alegando causas económicas e organizativas e “converténdose no primeiro do país que leva a cabo un ERE de extinción de contratos, amparado pola reforma laboral aprobada polo PP”.

A CIG de Lugo-A Mariña explica que para levar adiante este ERE, a administración local “contou tamén coa colaboración dos sindicatos que teñen a representación dos traballadores/as no Concello da Fonsagrada (UGT e CCOO), que asinaron un acordo para despedir aos seus propios compañeiros, logo dun proceso no que non convocaron nin unha soa asemblea de para informar as persoas afectadas”.

O Secretario Comarcal da CIG, Antonio Niño, critica a actuación “de quen participaron nesta negociación” ao entender que houbo “unha actuación continua de prácticas de mala fe. Primeiro iniciando a negociación dun ERE, xusto cando o persoal é reincorporado por mandato xudicial, tratando de evitar fora como fora que regresaran ao seu posto de traballo; logo secuestrando o proceso de negociación, do cal non houbo ningunha información; e finalmente para rematar acordando o despedimento dous días antes de que cumpriran un ano máis de traballo, que lles daría polo menos dereito a máis meses de prestación por desemprego”.

A este respecto, Niño destaca que, a pesares de telo solicitado, non se permitiu participar na negociación a ningún dos traballadores afectados polo despedimento, aos que tampouco se lles facilitou a documentación para poder comprobar as causas alegadas polo Concello.

Dende a CIG de Lugo xa adiantaron que se van presentar as respectivas demandas xudiciais impugnando as rescisións, “pois é evidente que se trata dunha represalia por ter impugnado os despedimentos efectuados en decembro de 2015”. Neste senso, Antonio niño engade que “entendemos que nin as causas económicas, nin a causas organizativas sobre as que se sustenta o ERE son certas”.

A CIG reclamara tamén ao Concello da Fonsagrada que teña a mesma dilixencia para pagar os salarios de tramitación do período que o persoal permaneceu despedido.