O Concello de Carral, condenado por despedir unha traballadora embarazada e que durante anos mantivo como falsa autónoma

O TSXG ordena a readmisión inmediata da afectada e o abono dunha indemnización

Carral -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de declarar a nulidade do despedimento dunha traballadora do servizo informático do Concello de Carral, condenando a Administración local á súa inmediata readmisión, a pagarlle os salarios deixados de percibir e a abonarlle unha indemnización por danos morais. O alto tribunal galego considera que se vulneraron os dereitos fundamentais da traballadora ao ser despedida por ter reclamado que se lle recoñecera a relación laboral co Concello, xa que desempeñaba o seu traballo como falsa autónoma, aproveitando ademais o Goberno local que se atopaba de baixa por problemas de saúde derivados do embarazo para comunicarlle o despedimento.

A traballadora afectada levaba prestando os servizos de mantemento informático para o Concello de Carral dende o ano 2009, primeiro contratada polo Concello ao abeiro dunha subvención da Xunta, logo a través dunha empresa subcontratada, despois mediante contrato administrativo de servizo e dende outubro de 2011, mediante factura xa como traballadora autónoma.

O Concello rexeitou recoñecerlle a relación laboral

A finais de 2017, estando embarazada e de baixa médica, a traballadora, farta desta situación, decidiu iniciar unha reclamación administrativa para que o Concello lle recoñecera a relación laboral e presentou denuncia na Inspección de Traballo. A reacción do Goberno municipal non se fixo agardar e ademais de rexeitar recoñecerlle a condición de persoal asalariado do Concello, comunicoulle no mes de febreiro que prescindía definitivamente dos seus servizos. No máis puro estilo da patronal máis reaccionaria.

Nese momento, a traballadora, asesorada pola CIG, presentou denuncia no Xulgado do Social que determinou que existía relación laboral e cualificou o despedimento de improcedente, deixando na decisión do Concello reincorporala ou indemnizala.

Porén, a CIG recorreu a sentenza de primeira instancia no Superior, que si entende que houbo unha vulneración de dereitos por dous motivos: primeiro por ser despedida estando embarazada e non acreditar o Concello outro motivo non relacionado co embarazo para prescindir dos seus servizos. E doutra banda, porque se vulnerou a súa garantía de indemnidade xa que o despedimento se comunicou xusto despois de presentar a reclamación administrativa e da denuncia na Inspección. De feito, o TSXG afirma que "non queda desvinculada a decisión extintiva dos indicios de represalia".

Exemplo da precariedade nas Administracións

Para a CIG-Administración da Coruña este caso é un exemplo da precariedade que se dá nas Administracións públicas, que recorren ás prácticas máis lesivas cos dereitos das traballadoras e dos traballadores (neste caso mediante a fórmula do/a falso/a autónomo/a) para cubrir servizos permanentes e que, cando o persoal reivindica os seus lexítimos dereitos, actúa como a patronal máis agresiva, despedindo e vulnerando os dereitos fundamentais.

"Esta sentenza demostra de xeito empírico que a Administración, que tiña que dar exemplo na contratación do persoal de xeito limpo, transparente e obxectivo, é a primeira en incumprir de xeito reiterado o sistema de contratación na procura da trampa e sendo do máis lesivo contra o persoal traballador ao seu cargo", asevera a Federación de Administración da CIG.

Volver