O Concello de Ferrol terá que integrar o persoal do Imfacofe e os padroados

O Tribunal Supremo admitiu o recurso presentado pola CIG-Administración

Ferrol -

O Concello de Ferrol terá que integrar no seu cadro de persoas as traballadoras e traballadores procedentes do extinto Instituto Municipal de Facenda (Imfacofe) e dos padroados de Deporte e Música. Así o vén de fallar o Tribunal Supremo, que admitiu o recurso de casación presentado pola CIG para esixir que se respectara o acordo plenario de 2012, no que se acordou a supresión destes organismos autónomos e a subrogación do seu persoal.

Dende a CIG-Administración de Ferrol manifestan a satisfacción polo fallo do TS, que pon fin a 18 anos de inseguridade laboral do persoal do Imfacofe e dos entes autónomos e ademais, crea xurisprudencia nos casos de subrogación na administración pública. Neste senso, destacan que a CIG foi en solitario quen tivo que levar adiante esta batalla laboral e critican a falta de firmeza do alcalde para defender a legalidade do acordo, en referencia ao feito de que o recurso municipal non foi admitido á tramite polo Tribunal Supremo.

A Federación de Administración critica o pouco interese do Goberno municipal durante todo este tempo para dotar de estabilidade os/as traballadores/as procedente destes organismos, "permitindo un falso enfrontamento cando a propia sentenza declara que os dereitos á carreira profesional non se ven menoscabados pola subrogación dese persoal". A este respecto, a CIG-Administración apunta que a incorporación deste persoal non prexudica ao resto dos empregados e empregadas do Concello.

Acordo plenario de 2012

A orixe do conflito remóntase ao ano 2012, cando o Concello de Ferrol decidiu disolver o Imfacofe e os padroados, no marco dos recortes que se estaban a aplicar nas administracións públicas e nos dereitos do seu persoal. No mes de decembro dese ano aprobouse no pleno municipal o proceso para a integración dos servizos que viñan prestando estes entes e a subrogación dos/as traballadores/as, que foi recorrido pola Asociación Profesional de Persoal do Concello de Ferrol.

O xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol e o TSXG admitiron en parte o recurso, anulando a parte do acordo referida á subrogación do persoal dos entes. O Concello (con escaso interese, á vista de que non foi admitido) e a CIG presentaron entón recurso de casación ante o Supremo, que vén de dar a razón ao defendido pola central nacionalista e a recoñecer os dereitos dos/as traballadores/as, tras anos de persecución e inestabilidade laboral.  

Volver