• Nova

O Concello de Forcarei rescinde o contrato do Servizo de Axuda no Fogar antes de que remate o concurso de acredores

As empregadas están sen traballo e substituíron a folga indefinida por un paro de 24 horas todos os xoves
Forcarei - 02 Abr 2019

O Concello de Forcarei decidiu unilateralmente rescindir o contrato coa empresa que xestiona o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) antes da finalización do concurso de acredores e de que o Xulgado do Mercantil resolvese os contratos do cadro de persoal. As traballadoras afectadas, que se atopan sen traballo efectivo, substituíron a folga indefinida por un paro de 24 horas todos os xoves.

A folga fora convocada para rexeitar o ERE extintivo para as 15 empregadas do servizo impulsado pola administración concursal da empresa concesionaria, Serinter, que se atopa en proceso de liquidación. Pero o Goberno local optou de xeito sorpresivo por rescindir o contrato coa compañía sen agardar a que finalice o proceso, o que deixou o cadro de persoal sen traballo efectivo a pesar de seguir dado de alta na Seguridade Social.

Ante isto, a CIG xa anunciou que presentará os recursos oportunos, ao tempo que as traballadoras decidiron substituír a folga indefinida que mantiñan dende o pasado 19 de febreiro por un paro simbólico de 24 horas, que están a aproveitar para mobilizarse diante do consistorio. Ademais, o venres pasado acudiron ao pleno da Deputación de Pontevedra para denunciar a súa situación e trasladar as súas reivindicacións.

"Tras a decisión do Concello a Xunta actuou de oficio cunha celeridade inusual nestes casos para remendar a nefasta xestión da alcaldesa, do PP, optando por unha saída que se está a amosar claramente insuficiente: insta os usuarios/as a contratar unha empresa privada pola súa conta e abónalles parte dos gastos", explican.

Pero esta opción multiplica até por cinco o custe do servizo, polo que até o de agora unicamente se acolleron a esta proposta 3 dos 70 usuarios/as, cos que a CIG está a manter xuntanzas periódicas para coñecer a súa situación.

O Goberno local esixe con ameazas a retirada do vídeo-denuncia

Dende a Unión Local da CIG na Estrada-Deza lamentan que o Goberno local estea a intentar mediante ameazas a empresa e traballadoras que se retire o vídeo elaborado por persoal do SAF no que reivindican o traballo que realizan e explican a súa problemática laboral.