O Concello de Guitiriz non paga os trienios nin o plus de transporte ao persoal de axuda a domicilio

Dende a CIG de Lugo-A Mariña demandan unha solución inmediata
Guitiriz - 25 Set 2017

O Concello de Guitiriz está a incumprir o pago dos trienios e da quilometraxe a quen ten dereito o persoal de axuda a domicilio. A CIG de Lugo-A Mariña denuncia que esta situación se vén producindo dende hai máis de tres anos, polo que lle reclama ao goberno local que poña solución de inmediato a esta discriminación.

O Concello non abona as cantidades correspondentes polos trienios ao persoal que presta o servizo de axuda a domicilio, a pesar de que a alcaldesa se comprometeu a regularizar esta situación. "Mais pasan os meses e o persoal continúe sen cobrar. Isto é unha actitude e unha conduta absolutamente irresponsábel e neglixente", critica Lois Neto, secretario de organización da CIG de Lugo.

Neste senso, engade que, en vez de resolver os problemas dos traballadores e traballadoras municipais, a alcaldesa "dedícase a ameazar ao persoal do concello coa privatización dos servizos cando lle demandan un dereito laboral, nunha actitude absolutamente mafiosa. Este continuo e permanente incumprimento cara ás traballadoras deste servizo amosa unha actitude absolutamente de insensibilidade e desprezo por parte da alcaldesa", lamenta.

Ademais, a Unión Comarcal da CIG denuncia que as traballadoras de axuda a domicilio tampouco cobran ningún plus de transporte, véndose obrigadas a pagar o combustíbel e pór elas mesmas o coche para os desprazamentos.

"Desde a CIG esiximos a alcaldesa  que solucione en breve prazo de tempo estas cuestións  ou verémonos na obriga de iniciar todas as acción posíbeis tanto no plano xurídico, onde xa existen demandas interpostas no Xulgado do Social, coma no plano social para que os dereitos destes grupos de traballadores e traballadoras sexan respectados".