O Concello de Miño continúa ignorando os graves incumprimentos laborais e do servizo da empresa que xestiona a Escola Infantil

A CIG-Ensino convoca concentración o 20 de marzo, ás 11:30 horas
Miño - 15 Mar 2019

Ante da falta de actuacións por parte do Concello de Miño pola problemática que se rexistra na  Escola Infantil "A Ceboliña, a CIG-Ensino ten convocada unha nova concentración para o mércores 20 de marzo, diante da Casa do Concello, ás 11:30 horas, para esixir a readmisión da traballadora despedida e que a empresa que xestiona o centro, Novo Alicerce, cumpra co establecido no convenio colectivo e coas condicións da prestación de servizo recollidas no contrato de xestión do servizo da E.I. A Ceboliña.

A CIG-Ensino lembra que xa transcorreron tres semanas dende a reunión co alcalde, na que este se comprometeu a mediar coa empresa para resolver os problemas laborais e para que cese a persecución e o acoso as traballadoras, "mais a realidade é que até o momento o Concello non fixo nada".

Así, denuncian, nin a traballadora despedida por reclamar os seus dereitos foi reincorporada, nin se corrixiron os atrasos no pago das nóminas (chegaron a estar até dous meses sen cobrar e a día de hoxe as traballadoras aínda non cobraron o salario de febreiro), non se respecta o establecido en convenio a respecto do uso do comedor, a entrega de roupa, non se lles abonan os trienios, non se negocia o calendario de vacacións, non se fan as substitucións das ausencias do persoal (a pesar de que existe no prego unha partida económica fixa para cubrilas), polo que se obriga ás traballadoras a dobrar quendas ou facer horas extras.

Incumprimento tamén dos pregos

Pero ademais, logo de revisar o prego do contrato entre empresa e Concello, a CIG-Ensino detectou outra serie de incumprimentos que xa foron denunciados esta semana por escrito diante da Alcaldía, a parte dos xa mencionados.  Neste punto, resaltar que Novo Alicerce non entrega o material preciso para o traballo diario coas crianzas, polo que son as propias educadoras as que teñen  que mercalo.

E o mesmo pasa coa programación didáctica e o material pedagóxico, que están elaborando as educadoras, "cando é unha responsabilidade da mestra ou directora pedagóxica; é dicir, é unha competencia das dúas propietarias da empresa, que non están atendendo as súas obrigas". Xunto a isto, a CIG-Ensino denuncia que nos patios non se mantén a limpeza e o entorno saudábel requirido nunha escola infantil.

"Xa non se trata só de que Novo Alicerce despedida arbitrariamente e non respecte os dereitos das súas traballadoras, senón que tampouco cumpre co servizo, e isto é algo moi grave. O Concello de Miño non pode desentenderse nin obviar esta situación cando estamos a falar dun servizo público municipal como este. Hai que lembrar que o propio prego de condicións recolle como sanción á empresa a retirada do servizo, en caso de incumprimentos graves", subliña Henrique García, da CIG-Ensino.

Petición ao PSOE para que convoque un pleno extraordinario

Os grupos municipais da oposición foron informados de todas estas irregularidades tanto pola CIG-Ensino como a través das denuncias individuais rexistradas pola traballadoras  no Concello. Ademais, requiríuselle ao grupo da oposición do PSOE a convocatoria dun pleno extraordinario "dada a gravidade do tema, para que promova unha moción de censura ao alcalde pola súa falta de actuacións".