O Concello de Miño segue sen intervir no conflito da "Ceboliña" malia agravarse o acoso ás traballadoras

A CIG convoca concentración o 16 de abril, coincidindo co pleno municipal

Miño -

A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro martes, 16 de abril, ás 09:30 horas, diante do Concello de Miño para esixir solucións á situación laboral das traballadoras da Escola Infantil "A Ceboliña", xestionada pola empresa Novo Alicerce, o cese das persecucións e demandar a readmisión dunha educadora despedida por reclamar os seus dereitos.

A protesta desenvolverase antes do inicio do pleno municipal, ao que asistirán un grupo de traballadoras, xa que se vai debater e votar unha moción presentada polo PSOE a través da que se demanda o inicio inmediato da tramitación dun novo expediente de  contratación publica para a prestación do servizo, que se sancione á Novo Alicerce polos reiterados incumprimentos e que, por este motivo,  se lle impida participar na licitación.

Catro das sete traballadoras, de baixa

A CIG-Ensino explica que dende a xuntanza do pasado mes de febreiro co alcalde non se produciu ningunha mellora na situación das traballadoras da escola infantil municipal, pois a empresa nin está cumprindo coas obrigas laborais establecidas no convenio colectivo de aplicación nin tampouco coas condicións recollidas nos pregos do contrato. Máis á contra, neste tempo o nivel de presión e o acoso incrementouse até o punto de que das sete traballadoras da escola catro están de baixa médica.

Ademais, Novo Alicerce continúa sen reincorporar a educadora despedida en represalia por reclamar os seus dereitos e xusto despois de comunicarse a convocatoria de eleccións sindicais na escola.

As empresarias fomentan o enfrontamento

Unhas eleccións que a propiedade de Novo Alicerce tentou frustrar promovendo unha candidatura de empresa pero que, malia os atrancos, gañou a lista da CIG  "que é candidatura das traballadoras". Neste senso, a CIG-Ensino engade que a mala fe das empresarias chega ao punto de fomentar enfrontamentos entre as traballadoras que denunciaron e as interinas contratadas para substituír o persoal de baixa.

Os incumprimentos en materia laboral e salarial xa foron denunciados hai meses na Inspección de Traballo e diante do Concello de Miño, "que continúa a mirar para outro lado". Ademais, tanto as traballadoras como pais e nais das crianzas puxeron en coñecemento da Consellaría de Política Social e da Consellaría de Educación a situación que se está a vivir na "Ceboliña" e que afecta ao traballo de atención e educación das nenas e nenos.

Volver