O Concello de Pol ten sen abonar a nómina de agosto ao seu persoal
O Goberno municipal do Concello de Pol non procedeu, a día de hoxe, ao pagamento das nóminas do mes de agosto. Unha situación, critica a CIG de Lugo-A Mariña, que deixa na “absoluta indefensión o persoal traballador do Concello, que é o verdadeiramente prexudicado”.
O Concello de Pol acostuma a pagar as nóminas nos últimos días de mes, mais non ingresou aínda as nóminas do mes de agosto, sen ofrecer ningunha explicación formal ao cadro de persoal. Esta situación, denuncia o secretario comarcal da CIG de Lugo, Lois Neto, “é impropia dunha administración pública e debe ser subsanada con urxencia”. Ademais, entende que o Goberno local debe de explicar publicamente “con luz e taquígrafos” cales son os motivos desta situación, “procedendo a depurar as responsabilidades oportunas no caso de existir actuacións neglixentes”.
Este falta de pagamento convértese en dramática no caso das traballadoras do SAF, “as cales a maiores de non cobrar, teñen que adiantar o custo do combustíbel dos seus coches para realizar o seu traballo, dándose circunstancias mesmo de persoal que non pode afrontar este custe”.
Clima laboral de inestabilidade e precariedade
Para Neto, a actual circunstancia “é o cumio dunha práctica laboral por parte do alcalde de inestabilidade e precariedade, consistente en ter atemorizado o persoal para exercer sobre o mesmo un control caciquil. Como exemplo disto está a situación de non ter executado os procesos de estabilización, tal e como esixía a lei”.
A CIG esixe que se activen os mecanismos necesarios para que o persoal cobre as súas nóminas, “posto que os traballadores e traballadoras non poden ser as vítimas e reféns de prácticas neglixentes e prevaricadoras na xestión do Concello”.
Igualmente, Neto avanza que a CIG estuda a adopción de medidas legais e mesmo está valorando a posibilidade “de presentar unha denuncia na Fiscalía por prácticas que consideramos puideran ser constitutivas de infraccións graves, como é o caso de non ter realizado o proceso de estabilización”.