O Concello de Sarria afonda no malestar do persoal da residencia ao dar poderes de dirección á gobernanta

A CIG presentou recurso contra o nomeamento por "decretazo" do posto
Sarria - 25 Out 2019

A CIG denuncia que o Concello de Sarria, a través da Concellaría de Servizos Sociais, acaba de concederlle á traballadora que actualmente exerce de gobernanta competencias de dirección, utilizando este sistema para cubrir a baixa da directora. Deste xeito, as traballadoras e traballadores terán que dirixirse á gobernanta para atender calquera cuestión de tipo laboral, malia estes labores ser absolutamente alleas ás funcións dese posto.

Con esta decisión, o Goberno municipal non retrocede no nomeamento da gobernanta, feito mediante decretazo e vulnerando os principios de igualdade, mérito e capacidade, polo que a CIG xa ten presentado un recurso de alzada no Concello "e de non estimar a nosa petición, acudiremos á vía xudicial contencioso-administrativa", advirte o secretario comarcal de Organización, Lois Neto.

"Con esta nova medida, parece que o concelleiro de Servizos Sociais aposta na súa xestión por xerar tensións e malestar entre o persoal da residencia de maiores, na vez de optar por vías de diálogo e negociación para resolver os problemas que existen neste centro", sinala Neto.

A CIG chamamos o Concello de Sarria a que dunha vez por todas asuma ao persoal da residencia coma propio ao 100% e traballe na dirección de adoptar as medidas que corrixan as disfuncións e a “dobre administración” que actualmente existe. "Este o camiño para  resolver os problemas laborais na residencia, o que suporía, sen dúbida, a prestación dun servizo de mais calidade en beneficio de usuarios e usuarias".