O Concello de Sarria recorta dereitos ao persoal da residencia retirándolles o complemento por IT

A CIG realizará as accións sindicais e xudiciais necesarias para evitar que se consume este atropelo

Sarria -

A CIG de Lugo-A Mariña denuncia que o Goberno municipal de Sarria continúa na liña de recortar dereitos ao persoal da residencia municipal de maiores “Nosa Señora do Carme”, agora comunicándolle que non se van pagar os complementos por IT, a pesar de que as traballadoras e os traballadores levan cobrando este complemento dende hai máis de dez anos.

"Pasan lexislaturas e pasan gobernos, mais para o persoal da residencia de maiores as políticas son sempre as mesmas: tratalos como traballadores/as de segunda, aos/ás que cando tocan recortes ao persoal das Administracións públicas se lles aplican igual que ao resto, pero cando se trata de aplicar dereitos, sempre se lles trata de maneira inferior que ao resto do persoal do Concello", denuncia Lois Neto, secretario de Organización da CIG de Lugo.

Premiar o esforzo dun traballo esencial con penalizacións económicas

Neto destaca o paradoxal que resulta que nos tempos que estamos a vivir, inmersos nunha pandemia na que se evidenciou socialmente a importancia do persoal que se dedica á atención e aos coidados ás persoas maiores (residencias e servizos de axuda no fogar) e que tiveron que facer fronte ao seu traballo na fase máis dura da pandemia case sen medios de protección, "unha administración pública como o Concello de Sarria 'premie' o seu esforzo con penalizacións económicas, como neste caso son os complementos no caso de Incapacidade Temporal".

Para a CIG esta decisión afonda na política laboral do Goberno de Sarria de recortar dereitos dos traballadores e das traballadoras, alimentando así a conflitividade laboral, o que ademais repercute nun peor funcionamento da residencia.

Cobertura da praza de dirección

Igualmente, a CIG demanda que se cubra a praza de Dirección da residencia, a cal está sen cubrir desde hai máis de 6 meses, e que nestes momentos está ocupada por unha traballadora non cualificada para estas funcións, obviando o Goberno municipal os principios de igualdade, mérito e capacidade, "e aproveitando para pagar favores políticos con decisións a respecto do persoal a aquelas persoas que durante a anterior lexislatura lle foron fieis".

A CIG actuará a través dos medios sindicais e xudiciais necesarios para que este atropelo finalmente non se poda facer efectivo.

Volver