O Concello de Vigo 'vende' como boa xestión o aforro derivado da privatización dos servizos públicos

Un terzo dos 45 millóns remanentes de 2021 corresponden a gastos de persoal e a prazas non cubertas
Vigo - 01 Mar 2022

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo denuncia que o Goberno local 'vende' como boa xestión o aforro económico derivado do proceso de privatización dos servizos públicos, xa que preto dun terzo dos 45 millóns de euros remanentes de 2021 que se veñen de incorporar aos orzamentos deste ano corresponden a gastos de persoal, e na súa maior parte a prazas vacantes pendentes de cubrir nas distintas ofertas de emprego.

No pleno municipal do pasado mes de febreiro aprobouse a incorporación destes remanentes de 2021 aos orzamentos deste ano, o que supón unha cantidade total de 45,8 millóns de euros. Dende a CIG sinalan que case un terzo destes cartos corresponden a gastos de persoal (Capítulo I), maioritariamente ao aforro de non cubrir as vacantes que están pendentes de convocar nas distintas ofertas de emprego. 

Hai 284 prazas pendentes de convocar das ofertas de emprego de 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021 e outras 40/45 máis da oferta de 2022 que está sen aprobar

“O alcalde fartouse de 'vender' este aforro como froito da súa boa xestión e anunciou que estes millóns empregaranse nas obras de Balaídos, en becas de inglés, humanizacións, festas, ascensores, etc; pero o que non dixo foi de onde sae este diñeiro”. Neste senso, indican que en 2021 o remanente dos gastos de persoal foi de 12 millóns de euros, dos que 3.335.000 euros corresponden a persoal funcionario, 1.686.138 a persoal laboral, 974.000 á partida para plans de emprego e 3.538.800 á partida de Seguridade Social.

“Como estamos a denunciar ano tras ano, este aforro non é puntual nin casual, máis ben é unha estratexia de deixar morrer os servizos públicos”. De feito, lembran que o remanente de 2020 foi de 8.484.383 euros, mentres que o ano anterior situárase nos 5.823.646. Por iso cualifican de “inmoral” que se considere “unha boa xestión” o aforro no gasto de persoal.

Ascensores no canto de emprego

“Cando é máis ben todo o contrario, pois temos un total de 284 prazas pendentes de convocar das ofertas de emprego de 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021, ás que hai que engadirlles as correspondentes á oferta do 2022 que está sen aprobar (outras 40/45 prazas máis)”. Neste senso, entenden que “non hai xustificación que ampare este atraso de tantos anos na convocatoria das ofertas e, moito menos, coa finalidade de aforrar cartos para logo gastalos en ascensores”.

Finalmente, fan fincapé en que nos orzamentos deste ano amortizáronse 38 prazas, principalmente dos servizos de obras, mentres que non hai moitos meses que se privatizou parte do Servizo de Deportes. “A isto hai que engadirlle as novas que nos chegan de futuras privatizacións”, rematan.