O Concello do Carballiño aínda está a tempo de “rescatar” as cinco limpadoras

Continúa a campaña en prol da readmisión das despedidas do servizo de limpeza de colexios
O Carballiño - 28 Out 2016

Unha concentración diante do consistorio, seguida da participación no pleno deste xoves, serviron para dar continuidade á campaña que procura a readmisión das cinco mulleres despedidas no servizo de limpeza de colexios, remunicipalizado sen garantía para o seus postos de traballo. Desde a CIG pídese ao Concello que rectifique e deixe de malgastar recursos públicos en procesos xudiciais “que vai perder”.

“O que puidemos constatar en base ás intervencións é que existen máis de 100 casos de persoal do Concello que se converteron en indefinidos por sentenza xudicial”, afirma Anxo Pérez Carballo, da executiva da CIG, que tivo a oportunidade de reivindicar a readmisión das cinco compañeiras na quenda de rogos e preguntas.

Isto significa, en opinión do sindicalista, que o informe dos servizos xurídicos que serviu de base para os despedimentos “carece de credibilidade”, e solicita de novo ao goberno municipal que rectifique no acto de conciliación do vindeiro 16 de novembro, data do primeiro dos xuízos, “e as readmita como indefinidas”.

Despois, podería convocar un concurso-oposición para cubrir as prazas, un dereito do que se privou a estas cinco mulleres ao substituílas “aleatoriamente” desde o servizo público de emprego mediante un procedemento que tamén podería ser irregular.

"Promesas incumpridas"

O sindicalista reprochou, na súa intervención ante o pleno, as promesas incumpridas polo goberno municipal, que “non deron rebatido”. Asegurou tamén que se está a “tirar diñeiro público por facer as cousas mal”, en referencia non só ás restantes contratacións, se non a un proceso de remunicipalización co que a CIG está dacordo “co fondo, pero non coas formas”, porque “non se pode rescatar un servizo abandonando as persoas”.

Por iso, a campaña pola readmisión continuará en vindeiras datas, procurando a máxima visibilidade e a solidariedade “que non atoparon” no pleno municipal.