"O conflito de Alcoa segue vivo e temos que continuar presionando o Goberno para esixirlle solucións urxentes"

Entrevista a Julio Moskowich e Abraham Amado, delegados da CIG en Alcoa A Coruña

A Coruña -

Segunda entrega da entrevista a Julio Moskowich e Abraham Amado, delegados da CIG na fábrica de Alcoa da Coruña. Nesta parte abordarmos as medidas adoptadas polo Goberno español dende o anuncio do peche, a súa efectividade, o papel xogado pola Xunta de Galiza e a situación actual do conflito.

Podes ler a primeira parte da entrevista aquí.

Nos tres meses de conflito dende o anuncio do peche até a sinatura do acordo, a actuación do Goberno español estivo a altura que requirían as circunstancias?

Julio Moskowich: Todo o contrario. Para empezar, o Goberno español ten un problema moi grande que non sei se teñen resolto: que non están de acordo entre departamentos. As competencias están distribuídas entre Industria e Transición Ecolóxica. O Ministerio de Industria si parecía querer traballar cara a unha solución, de aí que a finais de decembro sacara o Real Decreto que vai desenvolver agora para a creación do estatuto de empresas electrointensivas, pero a competencia na regulación do marco eléctrico pertence a Transición Ecolóxica, que non dá o brazo a torcer. Durante estes tres meses, a acción do Goberno foi nefasta por esa contradición entre os dous ministerios.

O Goberno ten mecanismos legais suficientes para controlar de maneira transitoria as fábricas, a través da SEPI"

Agora din que teñen este tema arranxado, pero está por comprobar. Seguimos sen fiarnos e veremos que dá de si o desenvolvemento dese estatuto, se chega ás condicións mínimas para que sexa viábel a industria electrointensiva.

No medio do conflito, o Goberno tamén sacou unha poxa da interrumpibilidade, por seis meses e en peores condicións que as anteriores, que non só non axudou nunha solución, senón que tivo consecuencias no resto do sector.

Moskowich: A poxa que sacaron para os seis primeiros meses de 2019, aínda ninguén entende porqué a fixeron así. Eu considero que é pola falta de coordinación que hai entre os dous ministerios. A poxa, aparte de agravar o problema en Alcoa, meteulle un problema a toda a industria electrointensiva. Temos un exemplo claro en Ferrotlántica, onde xa están tomando medidas e hai anuncios de EREs, a conta desta poxa que deixou mermadas as contías de compensación da tarifa eléctrica. Ademais había outra compoñente, as compensacións por emisións de CO2 que o goberno tiña conxeladas, algo que tampouco axudou no caso de Alcoa nin no resto da industria. Parece que agora van liberar esas compensacións.

A nivel estatal, abriuse unha mesa na que participaron a administración central, autonómica, empresa e sindicatos. Foi a convidada a CIG a participar? Serviron para algo estas xuntanzas?

Moskowich: No Ministerio de Industria montouse o que chamaron 'mesa técnica' na que participaron en distintas ocasións e con distinto formato, a propia empresa, o Ministerio de Industria, a Xunta de Galiza, o Principado de Asturias e as federacións estatais de CCOO e UGT. A CIG presentou varias queixas por escrito e de palabra no Ministerio pola súa exclusión, porque entendemos que sendo sindicato máis representativo deberíamos ter presenza nesa mesa, na que se estaban debatendo cousas que afectan ao futuro da industria en Galiza. Non só a Alcoa e á industria electrointensiva, senón tamén á produción eléctrica.

Amado: Na propia negociación do ERE había información que nós, como CIG, non tiñamos, que procedían destas mesas e que condicionaron moito o resultado final do ERE. Fómonos dando conta desta situación a medida que transcorría o proceso.

A Xunta de Galiza tiña un mandato parlamentar para organizar unha mesa que contara con representación de todas as partes implicadas, co obxectivo de levar a Madrid unha postura común, tal e como se fixo en Asturias. Atendeu o Goberno de Feijoo este mandato? Que papel xogou a Xunta e en que consistiron as súas actuacións?

Moskowich: O papel da Xunta é moi criticábel porque dende o primeiro momento adquiriu unha postura de botar culpas ao Goberno de Madrid, pero sen facer unha proposta clara. Nós o que lle pedimos tanto á Xunta como ao Goberno español, era unha posición de unidade de acción de todas as Administracións para plantarlle cara a Alcoa. En moitos concellos, na Deputación, no Parlamento, no Congreso, aprobáronse por unanimidade declaracións institucionais de apoio ao traballadores/as e ás nosas reivindicacións, pero despois esta unanimidade non se traduciu en accións claras de goberno. Practicamente até o remate do período de consultas, non tivemos unha resposta clara da Xunta. É certo que despois de asinado o acordo recibiunos o conselleiro de Industria e o director xeral de Enerxía, e cando menos presentáronse con outra actitude, pero durante os tres meses anteriores non houbo resposta.

Amado: A Xunta basicamente púxose de perfil. A ver se agora cambia de actitude

No mes de outubro, a CIG xa tiña presentado unha proposta para a creación dunha tarifa industrial para as empresas con grandes consumos eléctricos, que lle foi remitida tamén á Xunta. Porén o Goberno galego non se reuniu nin cos comités nin cos sindicatos para abordar esta problemática, aínda que si iniciou unha mesa con diversas empresas para acordar unha proposta de tarifa industrial para trasladarlle ao Ministerio.

Reclamámoslle á Xunta que levara a Madrid unha posición de país, consensuada con sindicatos, partidos e industria electrointensiva. Pero isto non se deu nos tres meses de conflito"

Moskowich: O que lle reclamamos á Xunta é que levara a Madrid unha posición de país, consensuada cos sindicatos, co resto de partidos e a industria electrointensiva. Isto non se deu nos tres meses de conflito. Pero si se reuniron co que a Xunta considera que é industria electrointensiva para consensuar unha proposta que levar ao Ministerio, pero que non foi tratada nin coas demais forzas, nin cos sindicatos, nin cos comités. É máis, parte desa proposta é coincidente coa que presentou a CIG no mes de outubro aos diferentes Gobernos, patronal e partidos políticos e que levamos ao comisario europeo de Enerxía.

Resulta curioso que ninguén se atreve a criticar abertamente a proposta da CIG, hai quen a colle coa boca pequena, compártea no esencial, pero á hora de actuar calan e non queren darlle visibilidade. Pero a proposta da CIG é a que está a mover o marco eléctrico e hai cuestións moi esenciais da nosa proposta que se están a ter en conta. Conste que non facemos a nosa acción por recoñecemento, facémolo para que se lexisle en favor do emprego e da produción industrial.

Non sabemos se esa coincidencia entre a proposta da CIG e a da Xunta é casual ou non (sorrí), aínda que hai dúas variacións: na da CIG, a parte das peaxes que se elimina da tarifa entendemos que ten que repercutirse nos orzamentos xerais do Estado, non meterse na factura eléctrica do resto de consumidores, mentres que a da Xunta non especifica nada neste aspecto. Así mesmo, a CIG propón quitar un certo número de peaxes da tarifa que non teñen que ver coa produción eléctrica, e a Xunta propón quitar outras peaxes distintas.

Ademais, a proposta da CIG tamén recolle a esixencia de compromisos ás empresas que se acollan a esta tarifa máis baixa -tanto no mantemento do emprego como da actividade industrial nas comarcas conde están asentadas-, que non contempla o texto da Xunta.

Amado: Compromisos co emprego e a produción para evitar o que pasa co Real Decreto do Goberno, que permite as empresas acollerse as axudas reguladas nel e despedir polo menos ao 85% do seu persoal. É incríbel que as empresas poidan recibir axudas do Estado e despedir traballadores e traballadoras e, aínda por enriba, que sexa a Administración quen permita esta posibilidade. Iso é un atraco.

En que situación está agora o conflito e que se vai facer nos próximos meses?

Moskowich: O conflito para nós segue vivo. Precisamente na asemblea na que se debateu o preacordo para levalo a referendo, fixemos fincapé na necesidade de que todo o persoal tiña que seguir unido, non podía haber unha ruptura social, que temos que seguir para adiante porque temos que intentar salvar a fábrica. O tempo xoga na nosa contra, pero non por iso imos deixar a loita e seguiremos apelando a esa unidade.

Amado: Temos que esperar a ver que sae do famoso estatuto de consumidores electrointensivos, aí vai estar o noso futuro, e mentres tanto haberá que seguir mantendo o nivel de protesta.

O tempo xoga na nosa contra, pero non por iso imos deixar a loita e seguiremos apelando á unidade para salvar os empregos e manter a produción"

Moskowich: E a presión ao Goberno, canta máis mellor, porque precisamente o acordo e a ratificación deste nos referendos, deulle un respiro ao Ministerio, pero temos que presionar o Goberno para que traballe e priorice este problema porque a solución é unha decisión política. Nesta loita temos que seguir todas e todos unidos. Tamén lle queremos mandar unha mensaxe ao Goberno: aínda que non encontre un inversor para facerse cargo da fábrica, teñen a SEPI, teñen mecanismos suficientes e teñen mecanismos legais para facer unha intervención estatal na empresa. A planta xa foi unha empresa pública antes de Alcoa e pode ser pública despois de Alcoa, aínda que sexa de modo temporal. A 30 de xuño, se non hai outra solución, nós seguiremos reclamando ao Goberno que ten que intervir a fábrica por medio da SEPI.

Amado: Co tempo que queda é basicamente a única solución que vemos: que interveña a SEPI, que nos tutele, que nos dea tempo até que se atope un comprador. Porque os tempos non dan para atopar un comprador e que afronte unha inversión deste calado.

Volver